28/Mar/2020

A Xunta de Galicia transmite o seu pésame polo pasamento de Megumi Shiozawa

Galicia e Xapón incrementaron as súas relacións de amizade e coñecemento dende mediados da década dos noventa. Un desenrolo de cooperación e promoción  cultural conxunto baseado en feitos históricos e espirituais semellantes: as peregrinacións. E dicir, o Camiño de Santiago e o Kumano kodo, na illa de Honshu,  ámbolos dous declarados Patrimonio Mundial pola UNESCO e unidos por lazos de irmandade. Unha relación entre Galicia e Xapón íntima e fecunda, en canto a intercambios e proxectos conxuntos, potenciada tamén coa relación de colaboración da ruta xacobea co Camiño de Shikoku.

Neste relevante proxecto de achegamento e comprensión mutua entre Galicia e Xapón xogou un papel destacado a nosa querida amiga Megumi Shiozawa, cuxo recente pasamento en Santiago de Compostela, a sua cidade de adopción, lamentamos dende o Xacobeo e Turismo de Galicia.

Megumi formou parte, como tradutora e coordinadora, de numerosos encontros entre as autoridades da Xunta de Galicia e das prefecturas do Camiño Kumano , en especial a de Wakayama, traballado tamén como tradutora de conferencias sobre as peregrinacións xacobeas impartidas ao longo de Xapón por técnicos do Xacobeo.

E por elo que a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e Turismo de Galicia comparten coa familia e amigos de Megumi a dor pola súa perda. Queda vivo o seu legado, a mellor forma de que a súa memoria perdure entre nós: a amizade entre Galicia e o País do Sol Nacente, forxada na senda das peregrinacións e do entendemento entre pobos tan distantes; e tamén o pulo e proxectos da Asociación Galicia-Xapón que Megumi presidira.

Descanse en Paz!

Fotografía: La Voz de Galicia