23/Jan/2020

Alsa e a Xunta colaborarán na promoción do Xacobeo 2021

  • O operador de mobilidade difundirá a imaxe do Ano Santo nos seus autocares e ofrecerá aos peregrinos un desconto do 15% nos billetes de volta
  • Convértese na sexta compañía que se suma á celebración do Ano Santo, no que as achegas xa superan un valor de 9 millóns de euros
  • Román Rodríguez salienta que esta firma e o Camiño de Santiago comparten o obxectivo de conectar persoas “por riba das fronteiras”
  • Víctor Manuel López: “Como operadores tradicionalmente presentes en Galicia, Alsa quere vincularse e apoiar o Xacobeo 2021”

Madrid, 23 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director xeral de Alsa, Víctor Manuel López, asinaron hoxe en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid, un acordo de patrocinio grazas ao cal o operador de mobilidade promocionará a imaxe do Xacobeo 2021 nos seus autocares. Ademais, en virtude desta colaboración, os peregrinos obterán un 15% de desconto no seu billete de volta aos seus lugares de orixe.

O representante da Xunta agradeceu á compañía o compromiso adquirido con Galicia, cos galegos e con aqueles que a visitan xa que, como afirmou, este acordo contribuirá “a seguir avanzando no obxectivo de converter a nosa cultura e o noso turismo nun referente internacional”. Máis polo miúdo, Román Rodríguez afirmou que esta empresa de primeiro nivel no sector de transportes comparte coa Ruta Xacobea o obxectivo de conectar ás persoas “por riba das fronteiras”, o que amosa ao mundo unha Galicia aberta e tolerante.

“O Xacobeo 2021 é un escaparate único para a nosa terra. Estamos ante unha oportunidade excepcional de amosar a nosa mellor versión, e neste obxectivo resulta imprescindible contar co apoio de administracións, asociacións e empresas como Alsa, recoñecida a nivel internacional”, explicou o titular de Cultura e Turismo. Ao respecto, lembrou que o Goberno autonómico está a traballar intensamente para que os 1.500 quilómetros de Camiño de Santiago en Galicia estea en perfecto estado para galegos, peregrinos e visitantes.

O director xeral de Alsa, Víctor Manuel López, pola súa banda, destacou que “como operadores tradicionalmente presentes en Galicia, e onde queremos estar cada día máis presentes, e que aposta por unha mobilidade sostible, Alsa quere vincularse e apoiar o Xacobeo 2021. Estamos encantados de contribuír á súa difusión e esperamos contribuír, a través dos servizos de transporte que operamos a Galicia desde diversos puntos de España, a que a súa celebración sexa o éxito que todos desexamos”.

Coa incorporación de Alsa ao Xacobeo 2021 xa son seis as compañías que patrocinan este acontecemento, declarado de excepcional interese público e sometido, polo tanto, ao programa de beneficios fiscais aprobado polo Goberno central na lexislatura de 2018. Entre todas as achegas, os acordos para o Ano Santo superan xa os 9 millóns de euros tanto en investimentos fixos como a través de distintas accións de promoción e difusión.

Avánzase así no obxectivo de implicar á sociedade civil e ao sector empresarial, tanto de Galicia como do conxunto de España, na potenciación da celebración máis relevante desde o puntos de vista cultural que se celebrará en Europa o próximo ano, e un dos eventos que desde a perspectiva turística mellor proxectará a nosa imaxe no mundo, pois cómpre lembrar que o Camiño de Santiago é percorrido por persoas de máis de 180 nacionalidades.