8/Jan/2020

A Xunta abre a inscrición para o XI Congreso de Estudos Xacobeos dedicado a Berenguel de Landoria

  • Celebrarase do 19 ao 22 de febreiro no Museo das Peregrinacións e de Santiago e contará cunha vintena de relatores e especialistas con gran proxección

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de inscrición para o XI Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, dedicado este ano á figura do arcebispo Berenguel de Landoria con motivo do sétimo centenario da súa chegada á sede compostelá.

Este encontro, organizado polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, celebrarase entre os días 19 e 22 de febreiro no Museo das Peregrinacións e de Santiago e contará coas intervencións de 20 relatores procedentes de países como Francia, Italia, Alemania, Polonia, Portugal ou Estados Unidos entre outros. Todos eles son veteranos representantes de institucións, cátedras e centros de estudo, aos que se unirán especialistas con gran proxección que tamén presentarán valiosas reflexións e achegas sobre aspectos significativos de Berenguel de Landoria e sobre a cultura xacobea.

A cita, que se celebra desde o ano 1993, contará coa dirección científica de Adeline Rucquoi, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e doutora en historia pola Universidade da Sorbona (París) e directora de Investigación emérita no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia.

Os interesados en asistir ao congreso deberán cubrir o formulario de inscrición online antes do 13 de febreiro.

Cómpre destacar que esta edición enmárcase na programación do Xacobeo 21 presentada o pasado mes de decembro e que ten por obxectivo que a poboación galega participe e goce do Camiño. Máis polo miúdo, este Congreso forma parte do programa Xacobeo Reflexión co que a Xunta busca xerar un espazo de análise da realidade espiritual e da carga simbólica do Camiño e do Xacobeo a través do coñecemento e do debate.