7/Jan/2020

A Consellería de Cultura e Turismo mellorará o firme e a sinalización da Ruta da Prata ao seu paso polos concellos de Vedra e Boqueixón

  • Ovidio Rodeiro, supervisou hoxe a zona na que se vai a desenvolver este proxecto, que forma parte dun plan de mellora desta vía onde se están a investir 2,1M€ nos concellos galegos do trazado
  • Rodeiro destacou que a Vía da Prata conta con todos os elementos para potenciar o seu atractivo para os peregrinos de cara ao vindeiro Xacobeo

Boqueixón (A Coruña), 7 de xaneiro de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro visitou hoxe a zona na que se levarán a cabo as obras de mellora da Ruta da Prata ao seu paso polos concellos de Vedra e Boqueixón. Estas actuacións contan nestes dous municipios cun orzamento de algo máis de 90.000 euros e permitirán a posta a punto desta Ruta Xacobea no tramos coruñés de cara ao ano santo 2021.

As actuacións están encamiñadas a mellorar os treitos da ruta que presentan máis danos, coa apertura de cunetas, execución de gabias, construción de pasos de auga e perfilado da explanación para recibir o novo firme. En concreto, neste tramo acondiciónanse 815 metros de camiño non asfaltado que se atopan en mal estado pola acción da auga.

Ademais, o proxecto tamén contempla a mellora da sinalización, incorporando novos fitos de pedra nos cruces necesarios. Os fitos que xa estaban ben colocados están a ser limpados e instálanse novas cunchas de cerámica e placas quilométricas, así como se sinalizan os cruces coa estrada N-525 de cara a unha mellor seguridade viaria.

Ovidio Rodeiro, que estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e polo de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, informou que este proxecto forma parte dun ambicioso plan de sinalización e mellora da Ruta da Prata, onde a Xunta de Galicia a investir preto de 2,1 millóns de euros desde A Gudiña, en Ourense, ata Compostela.

O delegado territorial tamén destacou que “a Vía da Prata conta con todos os elementos para potenciar o seu atractivo para os peregrinos de cara ao vindeiro Xacobeo”. Neste senso, Ovidio Rodeiro tamén quixo recordar o plan para potenciar a Vía da Prata que as comunidades de Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León acordaron impulsar o pasado mes de decembro, que inclúe a petición para que sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade.