11/Dec/2019

Román Rodríguez preside o acto de homenaxe a Elías Valiña polo 30 aniversario do seu pasamento

  • O conselleiro de Cultura e Turismo destacou o enorme traballo feito polo pai da frecha amarela na promoción e difusión tanto do Camiño como do legado xacobeo
  • No acto déronse a coñecer os galardoados co Premio Elías Valiña 2019, Les Amis du Chemin de Saint Jacques Pyrennes Atlantiques, a Asociación Jacobea de Almería Camino Mozárabe e Antolín de Cela Pérez

Pedrafita do Cebreiro (Lugo), 11 de decembro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tomou parte esta mañá na homenaxe que a Xunta de Galicia lle brinda a Elías Valiña polo 30 aniversario do seu pasamento, destacando que “o cura do Cebreiro” foi un dos principais protagonistas da revitalización e promoción do Camiño de Santiago e do legado xacobeo durante a segunda metade do século XX. “Valiña resultou ‒en palabras de Román Rodríguez‒ un actor principal na recuperación dunhas rutas e dunha tradición xacobea coa que gañar o futuro”.

Fíxoo nun acto celebrado na Igrexa de Santa María a Real no que tamén tomaron parte o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; a sobriña do homenaxeado, Pilar Armesto Valiña; o presidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López; e o xornalista e biógrafo de Elías Valiña, Luís Celeiro. A conmemoración rematou cunha misa de cabodano en memoria do relixioso.

O conselleiro cualificou a Valiña como un exemplo “dos bos e xenerosos” e sinalou que era dese tipo de persoas “que fortalecen e consolidan os valores na nosa sociedade”. O titular de Cultura e Turismo rematou a súa intervención agradecéndolle a todos os representantes das distintas Asociación de Amigos do Camiño de Santiago participantes no acto, o seu traballo para “reunir as forzas e os intereses dispersos que hai arredor do Camiño e darlles forma e sentido”.

Premiados Elías Valiña 2019

O conselleiro deu a coñecer na súa alocución aos galardoados este ano co Premio Elías Valiña, que a Xunta de Galicia organiza anualmente como conmemoración ao legado do cura do Cebreiro. Neste caso, os premiados foron as asociacións Les Amis du Chemin de Saint Jacques Pyrennes Atlantiques e a Asociación Jacobea de Almería Camino Mozárabe. Finalmente, Antolín de Cela Pérez recibiu a mención especial pola súa contribución ao fomento dos valores do Camiño de Santiago.

Este premio é un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento dos valores propios do Camiño de Santiago por parte das asociacións fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social. Para poder optar ao galardón, as entidades deben ter acreditada unha traxectoria de a lo menos cinco anos de funcionamento efectivo.