14/Nov/2019

A Xunta financiará con 1,2 M€ un cento de actuacións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago

  • Feijóo insiste en que os Camiños de Santiago sexan a tarxeta de presentación de Galicia
  • A convocatoria de axudas está dirixida tanto a entidades locais como a persoas físicas e xurídicas e as actuacións deberán realizarse a partir do 1 de xaneiro de 2020

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, a convocatoria de axudas, cun orzamento de 1,2 M€, para financiar máis dun cento de actuacións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago.

O obxectivo é “seguir mellorando os Camiños de Santiago e toda a súa contorna, que quedarán en mellores condicións que nunca e, ademais, quedarán para os anos santos seguintes”, abundou Feijóo.

En concreto, esta nova convocatoria de axudas está dirixida tanto a entidades locais como a persoas físicas e xurídicas e as actuacións deberán realizarse a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Estas axudas contarán con dúas categorías. A primeira está dirixida a actuacións propostas por entidades locais, incluíndo os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago, así como deputacións ou mancomunidades, sempre que teñan competencias para a actuación proposta. Permitirá financiar un mínimo de 40 actuacións e contará cun orzamento de 600.000 euros.

Polo que respecta á segunda liña, financiará un mínimo de 60 actuacións, contará cunha dotación de 600.000 euros e está dirixida a persoas físicas ou xurídicas privadas titulares dun dereito real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño ou aos arrendatarios destes bens. Tamén se inclúen comunidades de propietarios, asociacións de veciños ou comunidades de montes veciñais en man común.

O presidente da Xunta explicou que o Goberno galego financiará o 75% das intervencións cunha cantidade máxima de 15.000 ou 10.000 euros, en función de se se trata dunha entidade local ou dunha persoa física ou xurídica.

No que se refire ás actuacións obxecto destas axudas, hai cinco categorías: intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna; actuacións sobre casas e eiras; intervencións no espazo agrario para reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico; actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe, e actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos no mobiliario urbano que resulten alleos á contorna da Ruta Xacobea.

Esta nova iniciativa enmárcase no Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago, que traballa na eliminación de elementos que deterioren a paisaxe nos distintos itinerarios. Este plan, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, está desenvolvendo preto de 50 pequenas actuacións como melloras en valados, hórreos ou casetas.

O presidente da Xunta insistiu en que “os Camiños de Santiago sexan a tarxeta de presentación de Galicia” e lembrou as distintas iniciativas postas en marcha para chegar ao Ano Santo nas mellores condicións posibles, como o Plan de Mantemento para acometer actuacións ao longo de máis de 1.250 quilómetros dos distintos Camiños, as accións de sinalización das diferentes rutas ou o Plan de Albergues, que conta cun financiamento de 7 M€.