26/Oct/2019

Nava Castro recibe en Compostela aos axentes de viaxe chineses que veñen percorrer Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2019

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe na praza do Obradoiro a unha vintena de axentes de viaxes chineses que veñen de participar da iniciativa Camiño de Santiago e gastronomía do Camiño, coordinada pola empresa InterRías coa fin de promocionar a oferta turística e os recursos relacionados coa Ruta Xacobea entre a comunidade asiática.

A delegación chinesa percorreu durante catro días distintas localizacións galegas, todas elas vinculadas cos diferentes Camiños de Santiago, facendo especial fincapé na gastronomía. Puideron visitar a Ría de Arousa e o Camiño Portugués, así como achegarse ao Cebreiro, Ourense, Ribeira Sacra, San Cristovo de Cea e o Mosteiro de Oseira. Na provincia da Coruña, tiveron a oportunidade de coñecer Fisterra e Pontecesures. A de hoxe foi a súa última xornada en Galicia, na que realizaron un percorrido a pé de dous quilómetros ata chegar á praza do Obradoiro.