Wed Oct 23 01:00:00 CEST 2019

Poetas de cinco países escriben sobre o Camiño de Santiago dentro do proxecto 'Ameto Mítico' de 'O teu Xacobeo'

  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu ao recital que os escritores deron esta mañá no IES Arcebispo Xelmirez I

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta mañá en Santiago ao relatorio de Ameto Mítico, unha acción da Fundación Uxío Novoneyra incluída no programa O teu Xacobeo da Xunta. Trátase dun proxecto no que cinco poetas procedentes de Cuba, Arxentina, Brasil, Colombia e Galicia recitan en centros educativos as composicións literarias que escribiron, a principios deste mes, mentres percorrían o Camiño Francés.

O representante da Consellería de Cultura e Turismo expresou a súa satisfacción “por colaborar coa Fundación Uxío Novoneyra nun proxecto que se orienta a recuperar o valor do Camiño de Santiago como espazo para un intercambio cultural que pon a poesía galega en conexión coa doutras partes do mundo, tal e como sucedeu no medioevo”.

O proxecto Ameto Mítico pretende actualizar a temática xacobea e achegala, a través dos propios autores, a diferentes centros educativos. É a primeira vez que se fai unha residencia literaria itinerante destas características e hoxe celebrouse no centro compostelán o seu último encontro cos estudantes logo de que os poetas pasasen polo centros CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro e IES Lucus Augusti de Lugo.

Os poetas que forman parte de Ameto Mítico son Tálata Rodríguez, nada en Colombia aínda que reside en Arxentina; Luiza Fernandes, de Brasil; Demián Rabilero, de Cuba; Fátima N. Delgado, de Galicia, e Diego Horschovski, de Arxentina. O proxecto ten previsto recoller nun libro todas as composicións.

Xeografía de Galicia a través dos mitos e topónimos

Ameto Mítico inspírase no libro Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, publicado postumamente no 1999. Nesta obra, Novoneyra despregou unha xeografía soñada da lingua e de Galicia a través dos topónimos e os mitos, empregando o Camiño de Santiago como espazo de referencia múltiple dun peregrinar imaxinario. Uxío Novoneyra, fortemente influenciado pola lírica trobadoresca, atravesou como peregrino imaxinario as terras galegas, desviándose en ocasións da ruta francesa para visitar a Serra do Courel, a vila de Monforte ou a cidade de Lugo, entre outros lugares queridos relacionados coa súa experiencia vital. Ao longo dunha quincena, os poetas camiñaron, escribiron e recitaron os seus versos xacobeos seguindo a ruta que recolle a última poética de Novoneyra.

Xunto co secretario xeral, interviñeron no acto Branca Novoneyra, filla do poeta do Courel e representante da Fundación Uxío Novoneyra, e Manuel Portas, director do IES Arcebispo Xelmírez I.