22/Oct/2019

'O teu Xacobeo' afonda na Galicia do medievo cun ciclo de conferencias internacionais

  • O ciclo ‘De Iria a Compostela’ está impulsado polo Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia

Padrón (A Coruña), 22 de outubro de 2019

A Fundación Camilo José Cela acolleu hoxe a inauguración do ciclo internacional de conferencias De Iria a Compostela. Sociedade e cultura na Galicia medieval, un proxecto impulsado polo Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo.

A través de iniciativas como esta, o programa O teu Xacobeo consegue universalizar a cultura e, principalmente neste caso, achegar as palabras de grandes expertos na materia a varios pobos e vilas de Galicia, xa que este ciclo inclúe sete conferencias que se desenvolverán nas catro provincias galegas ata o vindeiro mes de decembro. Todas elas correrán a cargo de expertos internacionais chegados de Italia, Francia e Estados Unidos.

O acto contou coa participación de Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral, e Francisco Buide del Real, director do Arquivo da Catedral, organización promotora do ciclo. Tamén estivo presente o coordinador do programa de conferencias, Xosé M. Sánchez, quen deu paso ao primeiro ponente do ciclo, o profesor George D. Greenia, da Universidade estadounidense de Virxinia quen ofreceu a conferencia Manuscritos, libros, bibliotecas y peregrinos en la Edad Media, na que afondou no valor cultural do libro na Idade Media.