22/Oct/2019

Cecilia Pereira invita aos peregrinos “á gran celebración do Xacobeo 21” na apertura dun punto de atención no Monte do Gozo

  • A comisaria do Xacobeo 21 participou na apertura deste novo centro dirixido aos peregrinos polacos no Centro Europeo de Peregrinacións Juan Pablo II
  • A iniciativa inclúese en ‘O teu Xacobeo’ o programa posto en marcha pola Xunta co obxectivo de involucrar a poboación na celebración do vindeiro Ano Santo

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou hoxe na apertura dun novo punto de atención para os peregrinos procedentes de Polonia no Centro Europeo de Peregrinacións Juan Pablo II, no Monte do Gozo. Trátase dun proxecto incluído en O teu Xacobeo, o programa posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de involucrar a toda a poboación na planificación do vindeiro Ano Santo, que permitirá mellorar a atención que reciben os peregrinos que chegan a Santiago.

Na presentación tamén participaron o cónsul honorario de Polonia en Galicia, Juan Manuel Vietes; a presidenta da Asociación Cultural Polonia en Galicia, Ewa Pawloska, e o director do Centro Europeo de Peregrinacións, Roman Wcislo. Cecilia Pereira subliñou o gran papel que está a desenvolver esta asociación en Galicia e fixo unha invitación a todos os polacos, centroeuropeos dun país de forte tradición xacobeoa, a achegarse a Santiago “na gran celebración que será o Xacobeo 21”. O cónsul honorario, pola súa banda, salientou os obxectivos deste centro que nace coa finalidade de promocionar o Xacobeo en Polonia e potenciar a Comunidade galega como destino turístico.

Este novo servizo, impulsado pola Asociación Cultural Polonia en Galicia, pretende dar resposta aos peregrinos polacos que visitan Santiago dado o incremento que se está a experimentar nos últimos anos e que, esperan, siga aumentando de cara ao vindeiro Ano Santo. Para atendelos, haberá unha persoa de fala polaca que dará resposta ás dúbidas máis habituais que, na súa maioría, están vencelladas co transporte, coa organización de viaxes a outros puntos de Galicia, con visitas culturais e con temas relacionados co Xacobeo 21. Ademais, editaranse folletos informativos e faranse enquisas e encontros para recoller as historias e experiencias máis destacadas.

Máis de 350 proxectos en toda a Comunidade

O programa O teu Xacobeo inclúe máis de 350 proxectos propostos por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de difundir os valores do Camiño de Santiago. As diferentes propostas reflicten unha gran variedade. Desde as audiencias ás que van destinadas: público xeral, mocidade e infancia ou colectivos especialmente sensibles que precisan maior visibilidade; ata as temáticas: eventos sociais, culturais, deportivos ou que potencian a riqueza patrimonial do Xacobeo 21.