Mon Oct 21 01:00:00 CEST 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo visitou no conxunto das pallozas do Cebreiro unha exposición itinerante de postais do Camiño dentro do ‘O teu Xacobeo’

  • O conselleiro de Cultura e Turismo visitou no conxunto das pallozas do Cebreiro unha exposición itinerante de postais do Camiño dentro do ‘O teu Xacobeo’
  • Nestas construcións ancestrais estanse acometendo traballos por preto de 200.000 euros para a conservación e mantemento das cubertas e da súa contorna
  • Trasladouse tamén a Cervantes para avaliar as necesidades do castro de Santa María tras a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural

Pedrafita do Cebreiro (Lugo), 21 de outubro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, resaltou a importancia do patrimonio etnográfico e cultural da montaña lucense nunha visita ao conxunto das pallozas do Cebreiro, onde desde o pasado 8 de outubro permanece instalada unha exposición de postais do Camiño incluída no programa O teu Xacobeo. A mostra, situada na coñecida como Palloza de Quico, ten carácter itinerante e percorrerá os doce concellos galegos polos que atravesa o Camiño Francés entre outubro de 2019 e marzo de 2020.

Durante a súa visita, o titular de Cultura e Turismo puxo en valor a riqueza patrimonial desta zona da provincia de Lugo e do conxunto etnográfico das Pallozas do Cebreiro, onde se están acometendo traballos por preto de 200.000 euros para conservación e mantemento nas cubertas e contorno das pallozas de Campelo, Galán, do Quico e na Palloza Museo.

Román Rodríguez destacou a importancia desta actuación, ao realizarse nun emprazamento que cualificou como “unha das portas de Galicia”, xa que Pedrafita do Cebreiro é o primeiro concello galego do Camiño Francés. Neste sentido, lembrou que a previsión é que os traballos rematen a finais de ano, na antesala do Xacobeo 21.

Ademais, o responsable de Cultura e Turismo visitou o albergue da rede pública da Xunta instalado nesta localidade lucense, un establecemento situado nun emprazamento “estratéxico” e que ofrece máis de 100 prazas a disposición dos milleiros de peregrinos que percorren este itinerario cada ano.

Castro de Santa María de Cervantes

Román Rodríguez trasladouse tamén ao Concello de Cervantes para analizar as necesidades do castro de Santa María tras a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural. Alí salientou que se trata dun xacemento “clave” para comprender a transición ao mundo romano á vista das súas características e dos seus valores culturais sobranceiros. En virtude disto, a Xunta de Galicia avaliará e planificará actividades de futuro que poñan en valor o castro como un referente da minería castrexa, contribuíndo así a reforzar o seu atractivo turístico.

O conxunto está integrado, ademais de polo poboado castrexo e dos restos das explotacións mineiras, por unha necrópole que se remonta cando menos ao século XIV, de rito cristián, localizada sobre o recinto do castro, e por un poboado mineiro de época castrexa, dos séculos I e II.