12/Oct/2019

A Xunta promove o Xacobeo 21 en Australia no primeiro congreso nacional de Amigos do Camiño neste país

  • O encontro conta coa presenza de máis dun cento de delegados de 12 colectivos de toda Australia e Nova Zelanda vencellados coa Ruta Xacobea
  • Entre os seus obxectivos figura potenciar o carácter internacional do vindeiro Ano Santo en colaboración coas distintas asociacións participantes
  • Desde o último Xacobeo, no 2010, a cifra de peregrinos australianos multiplicouse por cinco, superando xa a cifra dos 5.000 ao ano

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2019

A Xunta promove o Xacobeo 21 en Australia no marco do primeiro congreso nacional de Amigos do Camiño neste país, que se desenvolve esta fin de semana na cidade australiana de Adelaida e ao que asisten máis dun cento de delegados de 12 colectivos de toda Australia e Nova Zelanda vencellados coa Ruta Xacobea.

O evento ten entre os seus obxectivos potenciar a internacionalización do próximo Ano Santo en colaboración coas distintas asociacións participantes. Así pois, neste encontro analízanse os desafíos pasados, presentes e futuros da Ruta Xacobea e como os colectivos internacionais de Amigos do Camiño –máis de 300 en todo o mundo– poden axudar a difundir e promocionar o Xacobeo 21.

Ademais, acordouse promover a edición e difusión gratuíta, para todas as asociacións internacionais de Amigos do Camiño, de documentos que recollan as conclusións derivadas do congreso.

O Plan Estratéxico do Xacobeo 21 recolle a internacionalización e a promoción exterior do próximo Ano Santo como un dos eixos de actuación de cara a esta celebración. No caso de Australia, trátase dun país que cada vez achega un maior número de peregrinos e que conta cun gran potencial neste eido, ao contar cunha poboación total que supera os 24 millóns de persoas.

De feito, desde o último Xacobeo, celebrado no ano 2010, a cifra de peregrinos australianos multiplicouse por cinco, superando xa a cifra dos 5.000 ao ano. A Xunta celebra o crecente interese que suscita a Ruta Xacobea en Australia e agarda que ese interese vaia en aumento con vistas ao próximo Ano Santo.