9/Oct/2019

'O teu Xacobeo' impulsa novas tecnoloxías para mellorar a experiencia dos peregrinos

  • A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, proba en Arzúa sistemas de xeolocalización inclusiva e aplicacións de etiquetado de monumentos conectado a videoguías para o coidado do patrimonio
  • A actividade forma parte de ‘XacobeoTech’, un proxecto que tamén impulsa unha peregrinación desde O Cebreiro na que participa o cantante Serafín Zubiri

Arzúa (A Coruña), 9 de outubro de 2019

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou hoxe en Arzúa na presentación de XacobeoTech, unha das accións incluídas no programa O teu Xacobeo que inclúe sistemas de xeolocalización inclusiva e aplicacións de etiquetado de monumentos e edificios históricos do Camiño de Santiago conectadas a videoguías. Durante este acto, a comisaria do Xacobeo 21 tamén tivo a posibilidade de ver a Ruta Xacobea a través dun voo virtual feito con drones.

XacobeoTech é un proxecto que se centra en achegar, tanto a peregrinos como á comunidade local, tecnoloxías que faciliten a experiencia ao carón do Camiño e o coidado do seu patrimonio e facelo, ademais, inclusivo, xa que forman parte da expedición o músico Serafín Zubiri, que viaxe nun tándem, guiado por unha persoa sen dificultades de visión, e mesmo Javier Pitillas e membros de Discamino, que viaxan en cadeiras de rodas guiadas por bicicletas. . Todas estas tecnoloxías son sustentables, ecolóxicas e beneficiosas para o planeta e compren cos obxectivos de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas.

Para desenvolver esta iniciativa e difundila, 13 peregrinos en bicicleta saíron o pasado luns do Cebreiro e remataron hoxe a súa segunda etapa en Arzúa, de onde sairán mañá cara a Compostela. Forman parte desta expedición o músico Serafín Zubiri, que viaxa en tándem e guiado por unha persoa sen dificultades de visión, e Javier Pitillas, membro de Discamino, que viaxa en cadeira de rodas guiada por bicicletas.

‘Tecnolareiras’

Ao longo das etapas, os peregrinos van probando a tecnoloxía que forma parte de XacobeoTech, ademais de facer unha análise do actual estado de accesibilidade das localidades polas que pasa este tramo do Camiño Francés. Ademais, o proxecto inclúe obradoiros de tecnoloxía sustentable e conservación do patrimonio natural. Ao termo de cada etapa os peregrinos fan unha demostración das tecnoloxías empregadas polo Camiño e, pola tarde, celebran as tecnolareiras, encontros gravados en vídeo coa veciñanza co obxectivo de recoller lendas e contos do Camiño e que posteriormente editan no canal de Youtube de XacobeoTech.

Ademáis do XacobeoTech, O teu Xacobeo ten previsto desenvolver outros proxectos tecnolóxicos que incorporan ferramentas TIC para facilitar, fomentar e amplificar as riquezas do Camiño e, sobre todo, contribuír a mellorar a experiencia dos peregrinos. Entre eles, destacan aplicacións móbiles que permitirán aos peregrinos gardar e compartir fotografías ou informacións relevantes sobre as rutas, como é o caso de Mi camino/My way ou Xacobeo 2021 with jjffy.

Entre a veintena de iniciativas enmarcadas na programación impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo destaca tamén unha aplicación de realidade virtual co fin de promocionar o Camiño Primitivo en Galicia mostrando ao peregrino os puntos singulares máis representativos e cun maior valor etnolóxico, paisaxístico ou cultural ou a aplicación Camiñando polo Pontedeume Medieval, que amosará a vila nos séculos XV e XVI, momento de esplendor da peregrinación polo Camiño Inglés.

Código QR

Un total de 200 placas con códigos QR, situadas ao carón da sinalética xacobea, encherán as etapas nos seus puntos máis salientables. Esta iniciativa incluída no proxecto O mellor camiño no teu móbil deriva da necesidade de inmediatez no turismo e proporciona información valiosa ao peregrino sobre o patrimonio natural, cultural, ou inmaterial presente na ruta.

O teu Xacobeo tamén ten espazo para páxinas webs e blogs como as que propón Camiño de historias, onde se inclúen máis de 100 testemuñas de peregrinos que contan a súa experiencia. As webs de difusión científica tamén se suman á programación para destacar a importancia da natureza na experiencia dos peregrinos. Os xardíns do Camiño será un espazo virtual adicado aos principais principais xardíns galegos ubicados dentro das distintas rutas que conforman o Camiño de Santiago.

O blog Hasta la vista, onde o peregrino poderá atopar diversos contidos relacionados coas rutas peregrinas a Compostela cun atractivo engadido xa que contará con vídeos das diferentes etapas realizados con drones, ou as xornadas O teu Camiño máis TIC impulsadas pola asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, son outros proxectos destacados nos que as novas tecnoloxías ocupan un importante espazo.