Mon Oct 07 01:00:00 CEST 2019

A Xunta impulsa con O teu Xacobeo 16 proxectos na comarca da Coruña que mobilizarán máis de 250.000€

  • Ovidio Rodeiro informou dos actos desta convocatoria e subliñou que representan o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do Ano Santo
  • Na provincia da Coruña impulsaranse 171 actividades cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros

A Coruña, 7 de outubro de 2019

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo, esta mañá unha reunión con representantes da Asociación Ingada, unha das beneficiarias do programa O Teu Xacobeo. Esta entidade recibiu unha achega de máis de 4.000 euros para organizar o V Camino da Diversidade, o Gran Camiño, proxecto que terá lugar o vindeiro 12 de outubro cunha camiñada para pór en valor a diversidade e o compañeirismo e que sairá desde Escravitude a Santiago de Compostela.

Ovidio Rodeiro subliñou que O Teu Xacobeo representa o carácter participativo, descentralizado e sustentable dun Ano Santo no que a cidadanía é a protagonista, xa que son os encargados de difundir os valores do Camiño de Santiago por toda Galicia.

Na comarca de A Coruña, O teu Xacobeo vai desenvolver 16 proxectos cunha subvención de 250.000 euros. Ademais, este programa contempla outras 54 actividades itinerantes que percorrerán varios concellos de Galicia que contan cun apoio da Consellería de Cultura de máis 793.000 euros. Na totalidade provincia da Coruña esta cifra ascende a 1,6 millóns de euros para organizar 171 actividades desde 2019 e ata abril do 2020

Concretamente, nesta área, O teu Xacobeo impulsa o proxecto A Coruña, porto do camiño, coordinado polo Consorcio de Turismo que incluíu o vídeo mapping realizado en xuño sobre a Torre de Hércules con motivo do X aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial e a gravación do videoclip Teu Camiñar protagonizado pola irmá de John Lennon, entre outras actividades de promoción do Camiño Inglés.

Coordinados por diferentes concellos, O teu Xacobeo apoia na comarca de A Coruña diferentes proxectos como o do Concello de Sada co proxecto Sada fai Camiño; o do Concello de Vilasantar, Xornada de posta en valor do Camiño Norte de Santiago; o impulsado polo Concello de Paderne, Variedades de ida e volta do Camiño, así como o do Concello de Sobrado que prevé a celebración dun congreso turístico arredor do Camiño de Santiago, Sentir do Norte. Tamén en Sobrado, pero impulsado pola Asociación de Empresarios desta localidade, a Xunta de Galicia –ao abeiro de O teu Xacobeo- impulsará un proxecto de actividades formativas encamiñadas á promoción dos produtos gastronómicos desta zona.

Son varios as iniciativas que se centran na promoción do Camiño inglés, como o coordinado polo Concello de Abegondo, Vermeled e trail do Camiño, ou o impulsado pola Agrupación Xuvenil Brgantium, de Betanzos, con As pegadas do Camiño, que inclúe 5 roteiros que conectarán os municipios de Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne e Betanzos; ou o impulsado pola Asociación Raíña Paraíso que promoverá roteiros culturais para pór en valor o patrimonio desta zona.

A Fundación INGADA celebrará este ano o V Camiño da Diversidade, o Gran Camiño, proxecto impulsado tamén por O teu Xacobeo e que terá lugar o vindeiro 12 de outubro cunha camiñada para pór en valor a diversidade e o compañeirismo e que sairá desde Escravitude a Santiago de Compostela.

En el ámbito cultural e musical, O teu Xacobeo apoiará a edición de varias publicacións sobre o valor cultural do Camiño, de Hércules Edicións, e o ciclo de música Latexos, ritmos, paisaxes e sentires no Camiño primitivo da Asociación Cultural Vertixe.

No terreo deportivo, a Xunta de Galicia apoiou a celebración de varios torneos celebrados este verán, dentro do proxecto “O Camiño do tenis de mesa”, impulsado pola Federación Galega de Tenis de Mesa.

Por último, O teu Xacobeo impulsa tamén as TICs coa posta en marcha dunha aplicación sobre as lendas do Camiño coordinado por Nuria Freire.

Ovidio Rodeiro destacou a “gran acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21. De feito, O delegado territorial lembrou que que se recibiron un total de 652 propostas de toda Galicia nas tres liñas de axuda abertas e destacou que a gran afluencia de solicitudes levou a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.

Neste senso, subliñou que o obxectivo deste programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda Galicia.

A primeira liña de axudas está destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.

A segunda das liñas foi dirixida a propostas de pemes e particulares da Coruña en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro da provincia. “Confiamos en que esta iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”, apuntou Ovidio Rodeiro.

Cinco ámbitos de actuación

As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.

En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.

No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.