Fri Oct 04 01:00:00 CEST 2019

‘O teu Xacobeo’ apoia a Cogami na visibilización e inclusión social das persoas con discapacidade

  • A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, recibiu hoxe no Obradoiro aos peregrinos participantes no proxecto ‘Rodando no Camiño’

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019

O programa O teu Xacobeo, co fin de impulsar accións de sensibilización e promover a visibilización e inclusión social das persoas con discapacidade, vén de apoiar o proxecto Rodando no Camiño. Trátase dunha acción coordinada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) que consistiu na realización dun documental da peregrinación na que teñen participado esta semana dunha vintena persoas, entre usuarios e traballadores do centro de recursos que a Confederación ten en Medelo.

Despois de catro días de andaina ‒saíron o martes desde Caldas de Reis para percorrer os últimos 45 quilómetros do Camiño Portugués‒, os camiñantes de Cogami foron recibidos pola comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, que salientou a importancia de proxectos como este para pór en valor as capacidades das persoas con discapacidade e promover a súa inclusión na sociedade.

A experiencia vivida estes días foi gravada, sempre partindo da vivencia en primeira persoa dos usuarios de Cogami, coa fin de elaborar unha peza audiovisual para impulsar a integración das persoas con discapacidade, protexer os seus dereitos e dar a coñecer o seu día a día a través da interacción destes peregrinos coa poboación e veciños dos lugares que teñen percorrido. O proxecto, ao denominarse Rodando no Camiño, quere facer tamén un chisco tamén aos usuarios que fixeron este percorrido en cadeira de rodas.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa a máis de 50 asociacións de toda Galicia. Neste senso, dentro dos 350 proxectos vinculados ao Camiño de Santiago que desenvolve O teu Xacobeo, atópanse moitos centrados na inclusión como os impulsados pola Asociación BATA, a Fundación Menela, a Asociación Xuvenil Amencer, a Fundación Ingada ou a Fundación Abrente, entre outros.

Fotografía: La Voz de Galicia