2/out/2019

Galicia celebra a constitución do novo Grupo de Traballo do Camiño de Santiago creado a iniciativa da Xunta

  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu en Madrid ao primeiro encontro no que participaron un total de nove comunidades autónomas
  • O Goberno asume a proposta trasladada pola Comunidade galega para que a oficina de Turespaña en Roma contribúa á difusión do Xacobeo 2021

Madrid, 2 de outubro de 2019

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Madrid na primeira reunión do novo Grupo de Traballo dos Camiños de Santiago que nace a proposta da Xunta coa intención de planificar de xeito conxunto accións de promoción con vistas ao Xacobeo 2021 e no que, ademais de Galicia, participaron Asturias, Cantabria, Navarra, La Rioja, Aragón, Castilla y León, Extremadura e Canarias.

Durante o encontro, abordouse a proposta trasladada polo Goberno autonómico o pasado mes de xuño ao responsable de Turespaña en Italia para que a Oficina da Consellería de Turismo de España en Roma acolla diferentes accións de promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021. Neste sentido, acordouse abrir esta posibilidade a distintas comunidades autónomas, asumindo así o proxecto impulsado desde Galicia.

Tamén se analizou a posibilidade de traballar de xeito conxunto no desenvolvemento dunha estratexia dixital común que sirva para impulsar a promoción dos Camiños, tendo en conta o crecente peso do número de peregrinos estranxeiros e adaptándose ás necesidades actuais da peregrinación.

Ademais, os membros do novo grupo de traballo decidiron que no Plan de Marketing 2020 de Turespaña, que inclúe a presenza das distintas comunidades autónomas nas feiras nacionais e internacionais, así como a organización de viaxes de prensa e familiarización, se faga especial fincapé en aspectos vinculados ao Camiño de Santiago nos distintos territorios.