Mon Sep 02 01:00:00 CEST 2019

O teu Xacobeo programa medio cento de actividades culturais, deportivas e sociais por toda a provincia de Lugo

  • As iniciativas apoiadas pola Consellería de Cultura e Turismo foron propostas por concellos, empresas, asociacións ou particulares e permitirán mobilizar un investimento próximo ao millón de euros
  • A iniciativa enmárcase dentro da programación que serve de antesala ao Xacobeo 21 e busca favorecer a participación e a descentralización chegando a 28 concellos lucenses, formen parte ou non da ruta xacobea

Lugo, 2 de setembro de 2019

A provincia de Lugo acolle máis de medio cento de actividades dentro da programación de “O teu Xacobeo”, a convocatoria de proxectos aberta pola Consellería de Cultura e Turismo a toda a sociedade e polo que se apoia a posta en marcha de 52 iniciativas de dinamización en 38 concellos lucenses, todas elas previstas como antesala do próximo Ano Santo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou os pormenores do programa no que respecta á provincia de Lugo e destacou que as iniciativas subvencionadas contan cunha achega autonómica global de 531.000 euros, que permitirán mobilizar investimentos por valor de preto dun millón de euros ao longo deste ano e durante o 2020.

“A iniciativa da Xunta nace co obxectivo de achegar esta celebración a todos os concellos, formen parte ou non da ruta Xacobea. Trátase da primeira vez que o Goberno galego pon en marcha un proxecto feito coa implicación de toda sociedade galega, baseado polo tanto nas ideas de participación e a descentralización”, dixo Balseiro.

O programa “O teu Xacobeo” divídese en tres liñas de axudas, segundo estiveran propostas por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro. Espallaranse por toda a xeografía lucense difundindo os valores do Camiño de Santiago.

En conxunto, as propostas reflicten unha grande variedade. Desde as audiencias ás que van destinadas: público xeral, mocidade e infancia ou colectivos especialmente sensibles que precisan maior visibilidade; ata as temáticas: eventos sociais, culturais, deportivos ou que potencian a riqueza patrimonial do Xacobeo 21.

Tres liñas de axudas

No caso da primeira liña de axudas, destinada a proxectos formulados por entidades locais, na provincia de Lugo “O teu Xacobeo” apoiará un total de 18 proxectos en 14 municipios, que contan cun investimento de preto de 275.000 euros.

Así, os concellos galegos programan diferentes actividades co obxectivo de difundir a Galicia Xacobea a través da arte, da música, da celebración de conferencias ou de obradoiros vinculados ao Camiño. Tamén serán moitos os municipios que organizan teatro ou cine ao aire libre.

“Por poñer algúns exemplos -apuntou o delegado-, dentro destas actividades atopamos as proxeccións de cine ao aire libre, como a que tivo lugar na Pobra do Brollón (durante este mes de agosto), a primeira Festa do peregrino (que organizou Triacastela en xullo) ou, neste mes de setembro as rutas historiadas que organizan os concellos como Trabada ou Castroverde”.

Tamén hai xornadas de convivencia entre peregrinos e veciños (en Quiroga, Mondoñedo ou A Pobra do Brollón). E, finalmente, accións que reforzaron o compromiso do Camiño coa seguridade das mulleres que o fan soas, unha proposta impulsada polo Concello de Ribadeo.

A segunda das liñas, a dirixida a entidades privadas, favorecerá na provincia de Lugo a posta en marcha de 10 propostas por pemes e particulares en 4 municipios, nas que se investirán 321.000 euros. Son proxectos centrados no turismo, como rutas, xornadas de divulgación cultural, paradas turísticas ou propostas enogastronómicas.

Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar 24 iniciativas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que contan cun orzamento de 357.000 euros.

Entre elas atópanse moitas propostas no ámbito deportivo, como o campionato de xadrez que organiza o Círculo Recreativo chantadino. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre, como camiñadas, rutas organizadas ou contacontos; iniciativas de inclusión, como a promovida por Down Lugo; e tamén gastronómicas, como o proxecto impulsado por Anfaco, no que os camiñantes selarán unha acreditación en distintas localidades do Camiño Francés onde se degustarán produtos en conserva galegos.

Esta mesma semana en Sober, organizado pola Fundación Juana de Vega, desenvólvese o workshop internacional sobre paisaxe, baixo o título “Tralas pegadas do camiño de inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra”.