5/Aug/2019

Máis de 40 axentes da Policía Autonómica velan cada día pola seguridade dos peregrinos no Camiño de Santiago

  • O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; e o comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico, desprazáronse hoxe ao Pino para visitar unha destas patrullas

O Pino (A Coruña), 5 de agosto 2019

Máis de 40 axentes da Policía Autonómica velan cada día pola seguridade dos peregrinos nas distintas rutas do Camiño de Santiago. As patrullas ocúpanse de tarefas de vixilancia e de asistencia; así como de protección do medio ambiente e o patrimonio.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; e o comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico, desprazáronse hoxe ao Pino para visitar unha destas patrullas durante o seu traballo. Estiveron acompañados polo alcalde da localidade, Manuel Taboada. No acto, aproveitaron para distribuír cubremochilas entre os peregrinos para mellorar a seguridade viaria.

Os axentes que se desprazan cada día aos arredores das distintas rutas do Camiño, nas catro provincias, empregan vehículos todoterreo e motocicletas para garantir a atención en zonas de difícil acceso.

As funcións que realizan son preventivas (pequenos roubos, mendicidade, venta ambulante non autorizada...), medioambiental (incendios, verteduras...); protección do patrimonio (actuacións prohibidas no contorno do camiño, alteración de sinais, publicidade non autorizada....) e investigadora (control de peregrinos, control de albergues...).

No que vai de ano, a Policía Autonómica ten realizado case 1.100 inspeccións relacionadas co Camiño, que resultaron en 10 denuncias, a maioría delas por cartelería ilegal, venta ambulante ou relacionadas co patrimonio.

A Xunta ten solicitado en varias ocasións ao Ministerio de Interior que complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, que precisaría de 100 efectivos máis para estar cuberto de forma total. Desta forma, os axentes tamén poderán intensificar a súa vixilancia nos tramos iniciais e finais dos camiños de Santiago.