5/Aug/2019

Galicia afianza o irmandamento coa cidade celta de Lorient sinalizando o Camiño de Santiago a 1.979 quilómetros

  • O conselleiro de Cultura e Turismo e o alcalde da cidade francesa, Norbert Métairie, presidiron hoxe o descubrimento do fito situado na Esplanade du Mostoir
  • A nacionalidade francesa é unha das máis importantes no Camiño de Santiago e só durante o ano 2018 Galicia recibiu a preto de 9.000 peregrinos deste país

Lorient (Francia), 5 de agosto de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu hoxe a inauguración dunha mouteira do Camiño de Santiago na Esplanade du Moustoir, en Lorient, Francia. O dirixente autonómico, acompañado polo alcalde da cidade francesa, Norbert Métairie, descubriu este simbólico fito, situado a 1.979 quilómetros da Catedral de Santiago, meta da peregrinación xacobea.

Ao longo deste acto, o titular de Cultura e Turismo salientou que o elemento pétreo instalado no corazón desta localidade francesa servirá para consolidar o irmandamento entre Galicia e Lorient, “dúas terras cun forte vencello afianzado desde hai séculos na chamada Vía turonense”, unha ruta francesa que se unía cos Camiños do Norte e co Camiño Francés, o principal itinerario cara a Santiago de Compostela. Este fito está situado fronte á sede do Concello de Lorient e moi próxima ao recinto no que se celebra o Festival Intercéltico de Lorient, onde Galicia participa na edición deste ano como territorio convidado.

A mouteira conta cos principais símbolos do Camiño: a concha, un dos máis antigos e representativos da Ruta Xacobea; a frecha amarela, que indica a dirección correcta, e o punto quilométrico que sinala a distancia ata a Catedral de Santiago. Trátase, en definitiva, dun fito que recorda “as bases sobre as que se asentou a Europa que coñecemos hoxe en día”, precisou Román Rodríguez.

Cómpre recordar que Francia é un país de profundas raíces xacobeas, algo que se reflicte en que a nacionalidade francesa é unha das máis frecuentes entre os peregrinos que recollen a súa Compostela na capital galega. Tanto é así que só no pasado ano completaron a Ruta Xacobea preto de 9.000 peregrinos chegados desde Francia. Ademais, o Camiño Francés é unha das principais rutas de peregrinación e a elixida pola meirande parte das persoas que deciden peregrinar ata Galicia.

Festival Intercelta de Lorient

Román Rodríguez trasladouse ata Lorient para asistir á 49ª edición Festival Intercéltico de Lorient, unha das principais celebracións de música celta en Francia e onde a Comunidade galega participa como territorio convidado.

Neste contexto, o titular de Cultura e Turismo inaugurou o pasado venres o pavillón no que ata o vindeiro domingo se exhibirá unha ampla mostra da oferta cultural, gastronómica e turística da Comunidade. Trátase dun evento que servirá para proxectar a cultura e identidade galega coa ollada posta na celebración do próximo Xacobeo 21, un evento que, tal e como salientou Román Rodríguez, “situará a Galicia como epicentro cultural a nivel internacional”.