2/Aug/2019

Román Rodríguez destaca a crecente descentralización do Camiño de Santiago na chegada do peregrino 200.000

  • O titular de Cultura e Turismo e o deán da Catedral recibiron a Sara Martín e Guillermo Peinado, unha parella de mozos que percorreu o Camiño Portugués
  • Esta simbólica cifra se supera 12 días antes que o pasado ano, pois o a Ruta Xacobea está a experimentar un crecemento sustentable por riba do 10%

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, recibiron hoxe ao peregrino 200.000 deste ano, unha cifra que nesta ocasión se alcanza doce días antes que en 2018, o que supón un crecemento por riba do 10%. Trátase de Sara Martín e Guillermo Peinado, unha parella de 29 e 27 anos que percorreu o Camiño Portugués desde Tui.

“A historia do Camiño de Santiago e da nosa terra escríbese grazas a persoas como Guillermo e Sara, que se aventuran a vivir a experiencia xacobea”, declarou o titular de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, quen salientou que máis aló do crecemento, “o importante é como estamos a medrar”.

Neste sentido, detallou que o Camiño de Santiago é un fenómeno cada vez máis “internacional, descentralizado e desestacionalizado” xa que cada vez chegan máis peregrinos estranxeiros, por máis Camiños e durante máis meses do ano. Concretamente, seis de cada 10 peregrinos que recolleron a súa Compostela este ano eran estranxeiros. Ademais, cómpre destacar que o 98,7% dos peregrinos recomendaría facer o Camiño, “unha cifra que é un orgullo para os galegos”, destacou Román Rodríguez.

Plan estratéxico do Xacobeo 21

Estes datos consolidan o potencial internacional do Camiño de Santiago cun crecemento sustentable que se apoia no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta do Goberno autonómico para conseguir que a celebración do vindeiro Ano Santo sexa participativa e sustentable e permita poñer en valor o territorio e a cultura da Comunidade galega.

Este plan, dotado cun mínimo de 247,7 millóns de euros, está xa en marcha cando faltan dous anos para a celebración do vindeiro Ano Santo co obxectivo de poder chegar ao 2021 coa capacidade de afirmar que Galicia ten os maiores e os mellores instrumentos para presentarse ao mundo non só nese ano, senón durante toda a década, aproveitando tamén os Xacobeos 2027 e 2032 que virán a continuación.

Fotografía: La Voz de Galicia