11/Jul/2019

'Rosalía en Camiño' dinamizará espazos rosalianos e xacobeos por medio da poesía

  • Desde hoxe ata o sábado o Colectivo de Poetas de Bruxelas, baixo a coordinación de Xavier Queipo, e as galegas Chus Pato e Yolanda Castaño, ofrecerán recitais multilingües en Santiago, Ponteceso e Padrón
  • Este programa de actividades forma parte da convocatoria de proxectos cofinanciada pola Xunta 'O teu Xacobeo' e inclúe regueifas, visitas guiadas, filmes, conferencias, unha feira e ludoteca para a cativada
  • O secretario xeral de Política Lingüística, a comisaria do Xacobeo 2021 e o presidente da Fundación Rosalía de Castro presentárono hoxe

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019

Rosalía en Camiño. Diálogos poéticos multilingües, impulsado pola Casa de Rosalía co apoio da Xunta de Galicia, ao abeiro do programa O teu Xacobeo, dinamizará espazos rosalianos e xacobeos por medio da poesía desde hoxe e durante tres días, ata o sábado, en Santiago, Ponteceso e Padrón. Ten como obxectivo promover a dimensión internacional da cultura galega a travás da figura da escritora galega máis universal e do Camiño de Santiago, da man do Colectivo de Poetas de Bruxelas, baixo a coordinación de Xavier Queipo, e das galegas Chus Pato e Yolanda Castaño.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participaron na rolda de prensa de presentación, na que García quixo destacar “a proxección exterior da lingua galega e a presenza de Rosalía nos ámbitos literarios e poéticos de Bruxelas, cidade da capitalidade europea, que exerce como un dos mellores escenarios de promoción da nosa lingua e cultura”.

“Un proxecto que -en palabras de Pereira- entronca coa filosofía do propio Xacobeo, por poñer en valor a nosa riqueza e patrimonio culturais e o Camiño de Santiago como principal itinerario cultural europeo e vencellalo á figura máis ilustre das nosas letras, Rosalía de Castro. Ademais de convertir tamén os poetas belgas en prescritores do Camiño e do propio Xacobeo”. Participaron na presentación, canda eles e canda o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o alcalde de Padrón, Antonio F. Angueira; a concelleira de Políticas de Igualdade e Lingüísticas de Santiago, Noa Díaz, e o escritor Xavier Queipo.

'Rosalía en camiño. Diálogos literarios multilingües'

Rosalía en Camiño. Diálogos poéticos multilingües, impulsado pola Casa de Rosalía co apoio do Xacobeo 2021, ao abeiro do programa O teu Xacobeo, percorrerá en tres xornadas (desde hoxe, 11 de xullo, ao 13) escenarios xacobeos e rosalianos cun grupo de poetas internacionais, ao tempo que ofrecerá unha serie de accións poéticas multilingües.

A vida e a obra de Rosalía de Castro permite establecer tres grandes escenarios literarios e xacobeos intimamente relacionados: Padrón, berce do Xacobeo e da propia autora; Santiago, capital xacobea e da vida de Rosalía; e a Costa da Morte, final do Camiño e territorio da vida e da obra rosaliana.

A acción poética correrá a cargo do Colectivo de Poetas de Bruxelas: Taha Adnan, Frank de Crits, Geert van Istendael, Serge Meurant, Silvia Vainberg, Bart Wonck, Ramón Neto e Xavier Queipo (coordinador), a quen se unirán as galegas Chus Pato e Yolanda Castaño.

Para alén do obxectivo sinalado, o proxecto busca tamén dar a coñecer a nosa cultura en xeral, a nosa paisaxe e incluso os outros dous escritores destacados do Rexurdimento galego, Pondal e Curros, e inclúe a edición do libro homónimo no que se inclúen as obras e traducións dos recitais, así como de material didáctico.

Máis información e programa completo en https://rosalia.gal/causes/rosalia-en-camino/.

Tres liñas de axuda e cinco ámbitos de actuación

A convocatoria de proxectos O teu Xacobeo, a máis importante da historia de Galicia, permitirá impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda a Comunidade. Foi impulsada polo Goberno autonómico, co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21, un evento que se presenta como unha oportunidade para construír unha Galicia máis verde, innovadora e competitiva.

Esta liña de axudas espertou un importante interese na sociedade galega e o volume de propostas recibidas, un total de 652, levou a Xunta de Galicia a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.

O teu Xacobeo divídise en tres liñas de axudas: unha primeira destinada a proxectos formulados por entidades locais, unha para propostas realizadas por pemes e particulares e unha última centrada en entidades sen ánimo de lucro. As iniciativas seleccionadas, un total de 352, abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social.