17/Jun/2019

Caixabank e a Xunta acordan poñer a disposición do sector turístico unha liña de financiamento de 1000 millóns de euros para preparar o Xacobeo 21

  • O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Emilio Barreiro, asinaron hoxe o acordo que compromete a achega da entidade
  • O obxectivo é axudar a impulsar, renovar e modernizar establecementos turísticos e hoteleiros vencellados ao Camiño de Santiago
  • Do total desta liña, MicroBank ofrecerá 50 millóns de euros a través de microcréditos para proxectos de emprendemento turístico na Ruta Xacobea

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Emilio Barreiro, subscribiron hoxe un acordo de colaboración que recolle o compromiso da entidade de lanzar unha liña de financiación para os aloxamentos turísticos vinculados ao Camiño de Santiago que renoven os seus establecementos de cara á celebración do Xacobeo 2021. CaixaBank, a través de Hotel&Tourism, a súa liña de negocio especializada no sector turístico, porá 1000 millóns de euros a disposición das empresas turísticas que forman parte de todas as rutas do Camiño para contribuír así á mellora da súa actividade comercial.

A aportación de CaixaBank distribuirase en dúas liñas. A primeira, dotada con 950 millóns de euros, permitirá impulsar e dinamizar o sector turístico e hoteleiro localizado nos diferentes Camiños de Santiago, co obxectivo de axilizar a súa posta a punto para a celebración do Xacobeo 21. Con esta liña de crédito asegúrase entre outros a financiación das necesidades de modernización da planta hoteleira, nun sector marcado pola permanente esixencia de renovación e aposta pola calidade.

Esta liña compleméntase cunha segunda de microcréditos que, a través de MicroBank, destinará 50 millóns de euros a favorecer o emprendemento en aquelas poboacións polas que discorre o Camiño, mediante a creación de novas empresas que atendan a demanda da ruta de peregrinación. Con este iniciativa preténdese fomentar novos negocios que amplíen e melloren a carteira de servizos dispoñible nos camiños, ao tempo que xeran emprego.

Ambas liñas financiamento, que se poñen a disposición de todas as localidades galegas polas que pasan os Camiños de Santiago, son ampliables se as peticións de crédito realizadas superan a cantidade inicial.

Primeiro acordo do Plan de Patrocinios

No transcurso do acto, o conselleiro Román Rodríguez destacou o carácter “trascendental” do convenio con CaixaBank, “o primeiro acordo logrado polo Goberno galego no marco do Plan de Patrocinios de proxectos que estamos desenvolvendo con diferentes empresas de cara ao Xacobeo 21”.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta agradeceu a CaixaBank a gran disposición mostrada desde o comezo para que este acordo frutificara e avanzou a súa confianza en seguir aportando novidades nesta liña de traballo. “É un acordo ambicioso en dimensións e investimento co que conseguiremos propiciar a modernización dos aloxamentos turísticos e dinamizar os territorios rurais polos que discorre o Camiño de Santiago”, declarou. Neste sentido, recordou que o vindeiro Ano Santo “é un elemento dinamizador da nosa economía e unha gran ocasión para poñer en valor o noso potencial turístico e cultural”. Así, puxo o foco na sustentabilidade, no “día despois”, con obxectivo de que o Xacobeo 21 “sexa un revulsivo que sirva para deixar unha Galicia máis preparada e unha oferta de máis calidade”.

Pola súa banda, Emilio Barreiro, director territorial de CaixaBank, destacou que a entidade quere acompañar ao sector do turismo galego para que poida afrontar “nas mellores condicións posibles” o reto que supón o Xacobeo 2021. “Galicia conta con empresas turísticas de gran nivel”, comentou, “pero un evento desta envergadura, que nos posicionará no centro da atención nacional e internacional, esixirá a súa mellor versión”. Barreiro indicou que “a través de CaixaBank Hotels & Tourism, ao marxe do financiamento preciso, poñeremos a disposición do sector un equipo de profesionais expertos que ofrecen un servizo de calidade e de proximidade”. Por último, expresou o seu desexo de que “os millóns de turistas que visiten Galicia no Xacobeo 2021 regresen as súas casas sorprendidos pola calidade dos seus establecementos, satisfeitos dos seus servizos e pensando en regresar cedo”.

Plan Estratéxico do Xacobeo 21

A celebración do vindeiro Ano Santo preséntase como unha oportunidade única para impulsar o turismo galego propoñendo un modelo sustentable, profesional e competitivo. Por iso, ás portas do Xacobeo 21, a Xunta traballa intensamente para conseguir organizar un evento transversal con resultados permanentes para Santiago de Compostela, Galicia e o conxunto do Estado.

Deste xeito, o obxectivo do Goberno autonómico non é só que o Camiño de Santiago chegue ao 2021 na súa mellor versión, senón que as accións levadas a cabo se manteñan despois do Ano Santo. Este é unha das liñas nas que se está a afondar coa elaboración do Plan Estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta que a Xunta presentará o vindeiro mes e que servirá para construír este acontecemento de excepcional interese.

Outro dos grandes retos na preparación do vindeiro Ano Santo é o de conseguir que sexa unha celebración participativa e na que se involucren todos os axentes sociais. Neste sentido, a Xunta resolverá en breve a convocatoria O teu Xacobeo, que finalmente contará cun investimento de 4,7 millóns de euros, 2,7 máis do previsto inicialmente, tras o éxito de solicitudes e o interese que xera a celebración do vindeiro Ano Santo.