8/Jun/2019

Román Rodríguez subliña que a revitalización do Camiño de Santiago é un éxito colectivo que precisa da implicación de todos

  • O titular de Cultura e Turismo e o deán da Catedral recibiron a Cynthia e Sergio Chapa, dous irmáns estadounidenses que camiñaron desde Saint-Jean-Pied-de-Port
  • Esta simbólica cifra se supera oito días antes que o pasado ano, pois a Ruta Xacobea está a experimentar un crecemento do 13% antes do verán
  • Avanza que a Xunta presentará o próximo mes de xullo o Plan Estratéxico do Xacobeo 21, no que está a traballar cun proceso participativo aberto á sociedade

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, recibiron hoxe ao peregrino 100.000 deste ano, unha cifra que nesta ocasión se alcanza oito días antes que en 2018. Trátase de Cynthia e Sergio Chapa, dous irmáns estadounidenses con orixe mexicano que percorreron a Ruta Xacobea desde Saint-Jean-Pied-de-Port.

“Desde hoxe, ambos son un máis de nós porque a experiencia xacobea e o paso pola nosa terra é algo que marca para sempre”, declarou o titular de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, quen salientou que máis aló dos números, “o importante é que as cifras teñen nome e apelidos, teñen unha historia e dan forma a un relato que deixa a súa pegada en Galicia”. Como reflexionou, “isto nos enche de orgullo, nos abre ao mundo e nos amosa a dimensión do que somos capaces de acadar”.

O Camiño de Santiago, que en 2018 acadou o seu récord de peregrinos, está este ano un 13% por riba das marcas de hai un ano, consolidando o crecemento fóra dos meses de verán. Como expuxo o conselleiro, a revitalización da Ruta Xacobea é un dos factores que está a influír neste feito, pois o 66% dos peregrinos son estranxeiros. Tamén a mellora dos distintos trazados xa que preto da metade deles chegaron a Santiago de Compostela por un itinerario distinto ao Camiño Francés.

Preparativos do Ano Santo

Durante o acto no que se entregou a Compostela conmemorativa, Román Rodríguez salientou que o Camiño de Santiago é un éxito compartido, posible grazas a implicación dos propios peregrinos e de todos os galegos. Por iso, ás portas do Xacobeo 21, en cuxa preparación a Xunta traballa intensamente desde hai tempo, afirmou que esta suma segue sendo necesaria para seguir facendo historia. “Será un evento transversal no que traballamos para conseguir resultados permanentes para Santiago, para Galicia e para todo o conxunto do Estado”, apuntou o conselleiro.

Como subliñou o conselleiro, que estivo acompañado pola comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, o obxectivo é que o Camiño de Santiago “chegue ao Ano Santo na súa mellor versión e que esta se manteña tamén a partir do 1 de xaneiro de 2022”. Para iso, a Xunta avanza no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, cun proceso participativo no que implica xa a máis de 600 persoas e que está aberto a toda a sociedade. Con esta finalidade, o Goberno autonómico acaba de abrir unha nova canle (estratexiaxacobeo2021.gal) onde calquera galego ou peregrinos poden facer as súas propostas para a celebración. Esta vía súmase á convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo, próxima á súa resolución e que “encherá Galicia de iniciativas xacobeas cofinanciadas pola Xunta que foron propostas polos propios galegos”

O Plan Estratéxico do Xacobeo 21 será a folla de ruta da celebración, que marcará oportunidades e obxectivos. Neste contexto, Román Rodríguez puxo en valor medidas xa en marcha como a aprobación dun investimento de 15 millóns de euros para garantir que todas as rutas estean en perfecto estado. Tamén a ampliación e actualización da rede de albergues, a preservación e rehabilitación do patrimonio, a seguridade viaria, a divulgación ou a implicación dun amplo número de axentes.