3/Jun/2019

As obras de mellora do Camiño de Santiago entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca, cun investimento de 1,8 M€, estarán rematadas na vindeira primavera

  • Vázquez Mourelle explica que se reformará toda a superficie, ao longo de 800 metros, reordenando os espazos para facer compatibles os usos dos peregrinos, dos empresarios e transportistas do polígono e do cemiterio
  • Indica que o proxecto inclúe unha mellor integración paisaxística e elementos de mobiliario urbano uniformes en todas as actuacións, así como espazos verdes que amortiguarán as molestias do tráfico sobre os camiñantes e peregrinos
  • Subliña que este proxecto é o primeiro dos nove que se van levar a cabo para mellorar ámbitos dos Camiños Inglés, Francés e Portugués, cun investimento de máis de 12 M€, de cara ao próximo Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que o inicio das obras de mellora do Camiño Inglés entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca, cun investimento de 1,8 millóns de euros, estarán rematadas na vindeira primavera.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o arrinque das primeiras obras da estratexia de adecuación dos Camiños de Santiago en Compostela, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. Salientou que con esta iniciativa, a Xunta pretende reforzar o carácter de Compostela como gran escaparate de Galicia no mundo.

Trátase, subliñou, dun conxunto de actuacións que aglutinan “modernidade, tradición cultural, identidade de Galicia e seguridade viaria”.

A conselleira destacou que a actuación iniciada no Polígono do Tambre é unha reforma de toda a superficie, ao longo de 800 metros, que reordeará os espazos para facer compatibles os usos dos peregrinos, dos empresarios e transportistas do polígono e, tamén, do cemiterio de Boisaca.

O proxecto inclúe unha mellor integración paisaxística e elementos de mobiliario urbano que serán uniformes en todas as actuacións, así como espazos verdes que amortiguarán as molestias do tráfico sobre os camiñantes e peregrinos.

Ethel Vázquez sinalou que esta actuación do Tambre é a primeira das nove que se van levar a cabo para mellorar ámbitos dos Camiños Inglés, Francés e Portugués, de cara ao próximo Xacobeo 2021, cun investimento total de 12 millóns de euros, dos cales 3 se comprometeu a achegar o Concello.

Subliñou que o obxectivo desta iniciativa é que as entradas dos Camiños estean á altura do resto da cidade e das expectativas dos camiñantes independentemente de que estean cruzando un polígono empresarial, un paso superior sobre unha autoestrada ou unha estrada de barrio.

A titular de Infraestruturas agradeceu a colaboración da Asociación de Empresarios do Tambre na busca dun deseño compatible coa actividade empresarial desta área. Engadiu que este polígono é prioritario para a Xunta, como amosa a Variante de Aradas, recentemente posta en servizo e que xa empregan máis de 4000 vehículos cada día laborable, máis dun 10% pesados.

Concretou que pese a que as vías do polígono son municipais, a Xunta está a piques de instalar os sinais necesarios para unha mellor orientación dos vehículos cara esta variante. Ademais, tamén se van aprobar o proxecto e as expropiacións que complementarán esta obra habilitando novos aparcamentos en ambos extremos do polígono.