2/Jun/2019

Alumnos de oito conservatorios galegos participan na xornada formativa do ciclo ‘Camiños Sonoros’ no CGAC

  • O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, saudou aos participantes desta actividade da programación do Xacobeo 21
  • A xornada inclúe o Concerto dos Embaixadores na Praza de Cervantes a cargo dos músicos Abe Rábade, Susana Seivane e Víctor Prieto

Santiago de Compostela, 02 de xuño de 2019

Un cento de alumnos de oito conservatorios galegos participan hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) nunha xornada formativa dentro da iniciativa Camiños Sonoros, o ciclo musical promovido pola Consellería de Cultura e Turismo para a promoción e difusión da Vía da Prata dentro da programación do Xacobeo 21. O secretario xeral técnico deste departamento, Manuel Vila, achegouse esta tarde a saudar aos participantes.

Entre as actividades nas que participa o alumnado destaca a realización de clases con actores para axudar aos estudantes a mellorar a súa conexión co público, buscando a profesionalización do sector. Ademais, reciben formación sobre dramatización, dereitos do artista, habilidades de comunicación ou sobre como mellorar a súa presenza nas redes sociais.

A xornada péchase ás 21,00 horas coa celebración na Praza de Cervantes do Concerto dos Embaixadores a cargo dos músicos Abe Rábade, Susana Seivane e Víctor prieto. Durante esta fin de semana, a Praza de Praterías acolleu outros catro concertos deste ciclo no que participou alumnado dos oito conservatorios participantes.

Tras o seu paso por Santiago de Compostela, Camiños Sonoros, que conta coa dirección artística de Andrea González, continuará coa súa programación ata o vindeiro mes de xullo, tempo no que atravesará diferentes emprazamentos de interese patrimonial na Vía da Prata como o Mosteiro de Carboeiro, o Mosteiro de Oseira, o Pazo de Liñares en Lalín ou o Pico Sacro, en Boqueixón, entre outras.

O ciclo componse dun total de 40 concertos, que se celebran durante as fins de semana de maio, xuño e xullo, forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no Plan Director do Camiño de Santiago, que en 2019 prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural na Vía da Prata.