11/May/2019

O Xacobeo 2021 estreita as súas relacións con Ecuador cunha estatua do Apóstolo Santiago en Guayaquil

  • A comisaria, Cecilia Pereira, participou xunto con embaixador de España no país sudamericano, Carlos Abella y de Arístegui, no descubrimento do monumento
  • A agrupación musical de gaiteiros galegos Lume na lareira amenizou o acto

Guayaquil (Ecuador), 11 de maio de 2019

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou onte, xunto co embaixador de España en Ecuador, Carlos Abella y de Arístegui, no acto conmemorativo en honra ao Apóstolo Santiago na cidade de Guayaquil.

Durante o mesmo, procedeuse ao descubrimento dunha estatua en bronce de Santiago Apóstolo, creada por Nixon Córdoba. O monumento resalta a iconografía de Santiago peregrino e a importancia do Camiño de Santiago para a historia universal. Cómpre destacar que Santiago Apóstolo é o patrón de Guayaquil e o Santo preséntase sobre o Cerro de Santa Ana, orixe primixenio da vila.

Cecilia Pereira destacou que este monumento “lémbranos todo o que nos une a pesar dos máis de 8000 quilómetros de distancia”. “Compartimos os valores universais que ao longo dos séculos se transmitiron polo Camiño de Santiago e que deron forma aos nosos pobos: a solidariedade, a tolerancia e a xustiza social”, apuntou a comisaria do Xacobeo 2021.

O descubrimento estivo acompañado musicalmente pola agrupación de gaiteiros galegos Lume na lareira, que se desprazaron á cidade ecuatoriana desde Santiago de Compostela.

A instalación deste monumento enmárcase na apertura do Paseo e da Praza de España, situada á entrada do Puerto de Santa Ana, e, con ambos fitos, ponse de manifesto a estreita relación da peregrinaxe a Santiago co país sudamericano. De feito, o ano pasado chegaron a Santiago polas diferentes rutas xacobeas 457 peregrinos ecuatorianos, un 10% máis que no 2017.