29/Apr/2019

A Xunta adxudica as obras de mellora de seguridade viaria nos treitos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo, cun investimento de case 530.000 euros

  • Estas actuacións, cuxo inicio se prevé en xuño, contan cun prazo de execución duns 8 meses
  • Os traballos de mellora de seguridade viaria levaranse a cabo no Camiño Francés, na estrada LU-633, ao seu paso polos concellos de Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín
  • Acometerase a mellora da sinalización nos cruces do Camiño de Santiago coa estrada autonómica para orientar aos peregrinos e que lles sexa máis doado seguir a traza da ruta xacobea

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora de seguridade viaria dos treitos do Camiño de Santiago na provincia, que coinciden coa traza da estrada Pedrafita- Portomarín (LU-633), cun orzamento de case 530.000 euros.

Estas actuacións, cuxo inicio se prevé en xuño, foron adxudicadas á empresa OVISA Pavimentos y Obras, cun prazo de execución duns 8 meses.

Os traballos levaranse a cabo no Camiño Francés, na estrada LU-633, para a mellora da seguridade viaria dos peregrinos, como usuarios vulnerables das estradas. Trátase de intervencións específicas a desenvolver en 5 concellos da provincia: Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín.

No marco deste proxecto, acometeranse accións como a mellora da sinalización nos cruces do Camiño de Santiago coa estrada autonómica para orientar aos peregrinos e que lles sexa máis doado seguir a traza da ruta xacobea.

Tamén se realizarán a rehabilitación de treitos do Camiño e a súa ampliación en varios puntos ao seu paso polos concellos de Pedrafita, Triacastela e Samos, resolvendo así o estreitamento da traza actual e favorecendo un tránsito cómodo e seguro dos peregrinos.

En Pedrafita do Cebreiro dotarase ao Camiño dun ancho maior no treito situado á saída da parroquia de Hospital. E, tanto na saída de Triacastela como en Samos, ampliarase e rehabilitarase a ruta xacobea, executando 5 treitos de pasarela de madeira.

Este conxunto de medidas buscan favorecer a mobilidade dos peregrinos, facer que a ruta Xacobea sexa máis segura e lograr unha convivencia máis harmónica entre peregrinos e vehículos, facendo as estradas autonómicas máis humanas, máis accesibles e máis seguras, tamén para os peregrinos.