27/Apr/2019

Román Rodríguez destaca o traballo da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra no seu 20 aniversario

  • O conselleiro de Cultura e Turismo subliñou como fito lograr a oficialidade do Camiño de Inverno no ano 2016, así como a colaboración da entidade para que a Ribeira Sacra sexa candidata a Patrimonio Mundial da Unesco

Monforte de Lemos (Lugo), 27 de abril de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos do 20 aniversario da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, que traballa en prol da divulgación do Camiño de Inverno. Neste contexto felicitou aos integrantes deste colectivo polo seu incansable labor ao longo destas dúas últimas décadas, fundamental para a promoción deste itinerario a través das provincias de Lugo e Ourense.

O conselleiro fixo un repaso á traxectoria da entidade con fitos como a oficialización desta ruta tras a aprobación da Lei de patrimonio cultural de Galicia, en 2016. “A vosa implicación permitiu avalar a singularidade deste itinerario, que representa unha magnífica oportunidade de desenvolvemento do territorio como elemento tractor económico e como fonte de xeración de recursos”, afirmou Román Rodríguez, quen puxo a mirada no vindeiro Xacobeo 2021, certificando o compromiso cara a súa conservación e protección como parte fundamental do patrimonio cultural galego.

Outro dos fitos conmemorados na celebración deste aniversario foi a inclusión da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, “unha candidatura que recoñece o valor universal excepcional deste territorio no que nos atopamos”, declarou o titular de Cultura e Turismo. “Estamos a falar dunha paisaxe viva composta por monumentais terrazas nas ladeiras dos canóns do Sil e do Miño para o desenvolvemento da viticultura heroica e, tamén, dun territorio que representa un exemplo único do monacato de Occidente”, explicou Román Rodríguez. Así mesmo, asegurou que acadar este recoñecemento suporía unha maior atracción turística e un impulso en termos económicos.