Mon Apr 08 01:00:00 CEST 2019

Román Rodríguez presenta o Xacobeo 21 como unha oportunidade para os empresarios de Galicia

  • O conselleiro de Cultura e Turismo protagonizou hoxe en Vigo o almorzo-coloquio do Círculo de Empresarios de Galicia ante máis dun centenar de profesionais
  • Para incentivar a participación do tecido empresarial no vindeiro Ano Santo, as entidades recibirán “os máximos beneficios fiscais establecidos pola lei”

Vigo, 8 de abril de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes do tecido empresarial galego para presentar o vindeiro Ano Santo e avaliar o impacto económico desta celebración para toda a Comunidade. Durante un almorzo-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, Román Rodríguez pronunciou a conferencia Xacobeo 21, oportunidade para a empresa galega, centrada na importancia do Camiño de Santiago para o desenvolvemento de Galicia.

Así, fronte aos máis de cen empresarios que acudiron a cita, o titular de Cultura e Turismo explicou que o Camiño de Santiago “foi durante séculos o principal dinamizador socioeconómico do norte da península” e que a Ruta Xacobea está “profundamente ligada á actividade económica que trae consigo”. “O Camiño de Santiago trouxo visitantes, comercio e un importante desenvolvemento que deixou a súa pegada en todos os pobos e vilas polos que pasa”, subliñou.

Froito da actividade relacionada cos itinerarios xacobeos, Galicia conta hoxe cunha importante industria turística que supón o 10,4% do noso Produto Interior Bruto e ao redor do 11% dos postos de traballo. “O Xacobeo 21 chega nun momento extraordinario. Temos consolidado o noso propio modelo turístico e agora presentásenos unha oportunidade única para construír unha Galicia mellor e máis preparada para o futuro”, sostivo Román Rodríguez.

Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo puxo de manifesto que estudos de diversas entidades públicas e privadas, estiman que o PIB de Galicia pode crecer entre cinco e seis décimas durante un ano Xacobeo, e consolidarse un crecemento de 1,5 décimas para os anos posteriores. Estes mesmos estudos reflexan que o número de turistas que visitan a nosa Comunidade tende a incrementarse en máis de un millón, dos cales a metade consolidaríanse permanentemente nos anos posteriores. “Estas cifras revelan que a oportunidade que temos por diante é inigualable”, destacou.

Co obxectivo de aproveitar esta oportunidade, Román Rodríguez convidou aos representantes do tecido empresarial a involucrarse na planificación do vindeiro Ano Santo e poder desenvolver un Xacobeo que sexa “fonte de orgullo, riqueza e progreso para todos os galegos”.

Incentivos fiscais

Para incentivar a participación do tecido empresarial no vindeiro Ano Santo, as entidades recibirán, tal e como explicou o titular de Cultura e Turismo “os máximos beneficios fiscais establecidos pola lei”. Nesta liña, Román Rodríguez detallou que existen tres categorías de colaboración: convenios, doazóns e publicidade.

No caso dos convenios, as entidades colaboran con aportacións directas para financiar unha actividade concreta. “Estas aportacións deducirán o 100% da cantidade satisfeita sobre a base impoñible do imposto de sociedades, no caso das persoas xurídicas, e sobre o rendemento neto, no caso das persoas físicas”, precisou. As doazóns, pola súa banda, poderán ser económicas, de bens ou de dereitos. “Neste caso as persoas xurídicas poderán deducir o 40%, mentres que as persoas físicas poderán deducir o 80% ata os primeiros 150 euros e o 35% do resto”. Por último, haberá deducións fiscais por gastos de publicidade. Nestes casos, a cantidade que se poderá desgravar pode chegar a supor o 90% relativo ao 15%, do que unha empresa inviste en materia de publicidade e promoción.

A finalidade de todos estes incentivos é, segundo salientou Román Rodríguez, “construír un Xacobeo 21 do que todos os galegos se sintan parte”.