Tue Apr 02 01:00:00 CEST 2019

Román Rodríguez sinaliza o Camiño de Santiago no corazón de Europa cunha mouteira xunto a un anaco do muro de Berlín

  • O conselleiro de Cultura e Turismo e o vicepresidente do Parlamento Europeo presidiron hoxe o descubrimento do fito no acceso de visitantes da Eurocámara
  • O dirixente autonómico salientou que os itinerarios de peregrinación serviron para asentar os valores sobre os que se construíu Europa

Bruxelas (Bélgica), 2 de abril de 2019

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu hoxe a colocación dunha mouteira do Camiño de Santiago no Parlamento Europeo. O dirixente autonómico, acompañado polo vicepresidente da institución comunitaria, Ramón Luís Valcárcel, descubriu este simbólico fito no acceso de visitantes da Eurocámara.

Ao longo deste acto, o conselleiro salientou que o elemento pétreo instalado no corazón da Unión Europea simboliza o Camiño de Santiago, que é “o primeiro xerme que deu lugar a unidade de Europa”. Esta mouteira compartirá espazo na entrada da Eurocámara cun anaco derribado do Muro de Berlín. Un elemento que, igual que a Ruta Xacobea, conmemora que “unha Europa unida foi e aínda é posible”. O fito foi colocado nun acto no que estiveron presentes diferentes autoridades e eurodiputados e no que participaron o co-presidente do Intergrupo Desenvolvemento do Turismo Europeo, Patrimonio Cultural, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas, Francisco Millán Mon, e o representante permanente de España na Unión Europea, Juan Pablo García-Berdoy.

O titular de Cultura e Turismo destacou que a Ruta Xacobea é “moito máis que unha ruta cultural ou turística” e que os itinerarios de peregrinación serviron para asentar os valores de solidariedade e concordia sobre os que se construíu Europa. Foi precisamente esta transmisión de valores ao longo dos séculos o que axudou a que o Camiño de Santiago fose declarado, hai máis de 30 anos, o primeiro Itinerario Cultural Europeo.

A mouteira instalada no acceso ao Parlamento Europeo contén os principais símbolos do Camiño: a concha, un dos máis antigos e representativos da Ruta Xacobea; a frecha amarela, que indica a dirección correcta, e o punto quilómetrico que sinala a distancia de 1.318 quilómetros ata a Catedral de Santiago.

Trátase, en definitiva, como lembrou Román Rodríguez, dun fito que recorda que en Europa é moito máis o que nos une que o que nos separa. “Vivimos tempos difíciles nos que se escoitan voces que negan todo o que temos construído, que negan mesmo a idea dunha Europa unida, pero a todas esas voces eu lles recomendo facer o Camiño de Santiago porque volverán a crer en Europa”, afirmou o conselleiro.

Implicación no Xacobeo 21

Galicia traballa para conseguir a implicación de diferentes institucións na celebración do Xacobeo 2021 e que sexa o máis participativo posible. Nesta liña, o conselleiro de Cultura e Turismo vén de celebrar reunións a nivel autonómico, nacional e internacional co obxectivo de implicar a diversas institucións na celebración do Ano Santo. Acadar esta meta pasa porque o Xacobeo 2021 sexa un tema presente na axenda distintas institucións europeas, algo no que se centran a meirande parte das reunións de traballo que Román Rodríguez está mantendo na súa visita a Bruxelas.

Mouteira en Glasgow

Cómpre recordar que o conselleiro de Cultura e Turismo xa colocou unha mouteira do Camiño de Santiago na George Square, en Glasgow. Este simbólico fito serviu para poñer en valor o Camiño Inglés, que na actualidade é o quinto máis percorrido polos peregrinos, e recordar que o Atlántico foi, desde a Idade Media, un espazo de peregrinación para milleiros de persoas de toda Europa, tamén do Reino Unido, que chegaban ás cidades portuarias de Galicia no seu camiño cara a Santiago de Compostela.