6/Mar/2019

Román Rodríguez acorda con Reyes Maroto implicar a todas as comunidades no Xacobeo 21 a través do Consejo Jacobeo

  • O conselleiro reuniuse hoxe coa ministra de Industria, Comercio e Turismo na feira ITB en Alemaña, o segundo mercado internacional máis importante para Galicia
  • A Comunidade conta ata o domingo cun espazo específico e zona de traballo para o sector neste evento, un dos tres máis relevantes do mundo neste eido
  • Segundo o Instituto Nacional de Estatística e a Oficina do Peregrino, o ano pasado chegaron máis de 133.000 viaxeiros alemáns e máis de 25.000 peregrinos

Berlín (Alemaña), 6 de marzo de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, acordou hoxe coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, coordinar co Ministerio de Cultura e Deporte a próxima celebración, en Santiago de Compostela, dunha xuntanza do Consejo Jacobeo na que se invite a participar ás comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago e que non están integradas neste organismo. O obxectivo, compartido pola Xunta e o Goberno central, é implicar a todas elas na celebración do Xacobeo 21 por tratarse dun acontecemento estratéxico para o conxunto do Estado.

A reunión entre o conselleiro e a ministra forma parte da axenda de traballo durante a 53ª edición da Feira Internacional ITB de Berlín, na que Román Rodríguez está a participar hoxe. Trátase dunha cita na que Galicia promove cada ano a súa oferta turística neste mercado, o segundo do que proceden máis viaxeiros e que move máis peregrinos segundo os datos difundidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e pola Oficina do Peregrino.

Galicia conta cun espazo específico dentro do pavillón de España, que inclúe tres mostradores e zona de traballo para as relacións comerciais, onde está tamén representada unha delegación do sector turístico, encabezada polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal. Desde alí poderán manterse ata o domingo diferentes encontros entre representantes do sector profesional, tanto os que xa traballan o destino Galicia como con aqueles que teñen previsto incluír a Comunidade entre a súa oferta tendo en conta que é un mercado especialmente interesado pola natureza –particularmente o litoral–, a enogastronomía, as tradicións, a cultura galega e o Camiño de Santiago.

Presenza de toda a Comunidade

No seu percorrido, o conselleiro visitou o expositor de Galicia onde se promove a oferta das catro provincias a través dos 10 produtos cabeceira de marca, entre os que se atopan iniciativas de turismo mariñeiro ou a Ruta da Camelia, de especial atractivo para os viaxeiros alemáns. Como novidade, tamén teñen cabida experiencias turísticas como Un paseo de historia e vida, que permite percorrer a Galicia do interior e da costa a través dos seus cascos históricos coñecendo o comercio e artesanía local, a enogastronomía e o patrimonio.

O alemán é o segundo mercado internacional en Galicia, tanto no que se refire aos viaxeiros como aos peregrinos que recollen a Compostela. Así se desprende dos datos do INE e da Oficina do Peregrino, que sinalan que o ano pasado chegaron a Galicia máis de 133.000 viaxeiros alemáns, que fixeron máis de 225.000 noites, o que supón o 9,7% do total internacional. No que se refire ao eido xacobeo, o número de peregrinos alemáns superou os 25.200. Segundo os datos da Oficina do Peregrino, isto supuxo un 9% máis que en 2017.

A xornada tamén incluíu encontros institucionais con outras comunidades, entre elas as que conforman a España Verde, a marca que agrupa a Galicia xunto a Asturias, Cantabria e País Vasco. Os vindeiros días está previsto avanzar no proxecto europeo Eurovelo, a ruta ciclista de longa distancia entre Trondheim (Noruega) e Santiago de Compostela, onde Galicia ten presenza a través de máis de 190 km, 11 deles compartidos co Camiño Francés.

Un dos maiores eventos turísticos de Europa

A Comunidade galega vén participando desde os seus inicios na ITB de Berlín, que está considerado como un dos maiores eventos turísticos de Europa, xunto a Fitur en Madrid –celebrada en xaneiro– ou a World Travel Market de Londres, que terá lugar en novembro.

Esta 53 edición celébrase desde hoxe e ata o domingo. Conta coa participación de 10.000 empresas en representación de 180 países e, segundo anunciou a organización, apóstase por un enfoque sustentable, dixital e internacional e por reforzar o mercado asiático.