17/feb/2019

O Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021 promóvense na Feira Devotio en Italia, o país estranxeiro que move máis peregrinos

  • A vitalidade da peregrinación a Compostela desde este territorio refórzase ano a ano ata conseguir multiplicarse por dous o seu número na última década
  • Galicia recibiu o pasado ano máis de 110.00 visitantes italianos que se aloxaron en establecementos hoteleiros e realizaron preto de 186.000 pernoitas

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2019

O Camiño de Santiago será desde hoxe e durante a próxima semana un dos recursos máis destacados na feira especializada en turismo relixioso Devotio que se celebra ata o día 19 na cidade italiana de Boloña, o país estranxeiro do que proveñen máis peregrinos.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turismo de Galicia, instalou un recinto de promoción exclusivo polo que está previsto que pasen milleiros de persoas en demanda de información sobre as distintas rutas do Camiño e a infraestrutura destas para acoller aos peregrinos. Ademais, neste espazo ofrécese información sobre os lugares máis importantes polos que pasa a ruta xacobea, así como da cidade de Santiago e os distintos ritos propios da peregrinación a Compostela.

No recinto do departamento de Cultura e Turismo en Devotio, tamén ocupará un lugar especial o Xacobeo 2021 de cuxa celebración serán informados os visitantes que se acheguen ao espazo galego. A presenza galega nesta feira é moi importante dada a gran difusión que ten o Camiño de Santiago en Italia, que se mantén como o primeiro país estranxeiro do que proceden máis estranxeiros. Na última década multiplicou por dous as súas cifras ata superar os 27.000 peregrinos o ano pasado, supoñendo xa o 8,25% dos que recolleron a Compostela.

Demanda turística

Italia é tamén importante para a oferta turística galega no seu conxunto xa que é un dos países máis destacados dos que proveñen máis visitantes. O ano pasado 111.186 italianos aloxáronse nos establecementos hoteleiros galegos, alcanzado máis do 8% da demanda internacional. Neste período os viaxeiros procedentes deste mercado realizaron tamén preto de 186.000 pernoitas e amosaron un crecente interese por permanecer máis días na Comunidade, xa que a súa estadía media creceu un 8% en relación ao ano 2017.