Thu Jan 24 01:00:00 CET 2019

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle dende hoxe a mostra 'Kumano Kodo: unha peregrinación a través do tempo'

  • A exposición, que pretende achegar a beleza das terras e xentes do Kumano Kodo á cidadanía galega, foi inaugurada polo director xeral de Políticas Culturais e o gobernador da Prefectura de Wakayama
  • Está enmarcada dentro dos actos conmemorativos do vixésimo aniversario do acordo de irmandande entre a rexión nipona e Galicia

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e o gobernador da Prefectura de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, inauguraron hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago a mostra fotográfica Kumano Kodo: unha peregrinación a través do tempo. Esta exposición, enmarcada na celebración do vixésimo aniversario do acordo de irmandade entre a rexión nipona e Galicia, pretende achegar a beleza das terras e xentes do Kumano Kodo á cidadanía galega co fin de entender mellor unha cultura afastada no mapa, pero próxima en canto a tradicións e desafíos futuros.

Tanto Galicia como Wakayama, unidas por un acordo de irmandade desde 1998, comparten a honra de contar coas rutas de peregrinación máis antigas do mundo. Ambas foron declaradas Patrimonio Mundial pola Unesco e están a experimentar un crecente interese turístico. Co obxectivo de conmemorar este acordo inaugurouse hoxe a exposición Kumano Kodo: unha peregrinación a través do tempo composta por preto de 40 imaxes de Luis Gago e Aoife Dhubhda, un matrimonio de fotógrafos especializados en viaxes e gañadores de varios premios de prestixio internacional. A parexa visitou, convidados polo goberno de Wakayama, os paisaxes montañosos do Kumano Kodo en primavera e otoño para captar o paso das estacións e comunicar o atractivo turístico de esta ruta.

Visita á Catedral

Ademais de acudir ao acto de inauguración no Museo das Peregrinacións e de Santiago, o gobernador de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, percorreu o último tramo da Ruta Xacobea.

Acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, Yoshinobu Nisaka tivo tamén a oportunidade de visitar a Catedral de Santiago de Compostela e o seu museo onde afondou na historia e á arte do templo a través das súas mellores pezas artísticas.