23/Jan/2019

Román Rodríguez promociona Galicia nun acto organizado coa OMT ante embaixadores, ministros e empresarios de máis de 100 países

  • Os 200 asistentes ao encontro puideron degustar un menú baseado en produtos galegos con certificados de calidade a cargo do chef Iván Domínguez
  • O secretario xeral da Organización Mundial do Turismo, Zurab Pololikashvili, afirma que hai poucos destinos do mundo coa calidade enogastronómica de Galicia
  • O conselleiro de Cultura e Turismo salienta a estreita colaboración establecida entre a Xunta e a OMT e expresa a súa vontade de continuar ampliándoa

Madrid, 23 de xaneiro de 2019

Galicia protagonizou uns dos principais actos celebrados na primeira xornada de Feira Internacional de Turismo Fitur en Madrid, organizado pola Organización Mundial de Turismo (OMT) coa colaboración da Xunta no que o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou o potencial da Comunidade ante ministros, embaixadores e representantes de importantes empresas do sector de máis de 100 países.

O encontro, no que concorreron 200 asistentes, permitiu promocionar os recursos naturais e patrimoniais de Galicia a través de distintos vídeos e dun dos seus elementos máis apreciados polos viaxeiros: a enogastronomía. Así, os participantes de todo o mundo puideron degustar un menú baseado en produtos galegos de calidade, procedentes de diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. A preparación foi dirixida polo chef Iván Domínguez, un dos cociñeiros máis destacados do panorama actual.

O secretario xeral da Organización Mundial do Turismo (OMT), Zurab Pololikashvili, tivo palabras de eloxio para Galicia como destino, en especial para a súa tradición culinaria, que é unha das principais motivacións pola que os viaxeiros elixen achegarse ata a Comunidade.
“É moi difícil atopar no mundo a variedade e combinación da gastronomía de Galicia”, asegurou o máximo dirixente do turismo a nivel internacional. O secretario xeral da OMT tamén expresou a súa satisfacción pola estreita colaboración mantida coa a Xunta de Galicia e nos últimos anos no eido turístico, ao que o evento celebrado hoxe dá continuidade.

Pola súa banda, Román Rodríguez expuxo os eixos do modelo turístico galego, que aposta pola calidade e a sustentabilidade como principais piares, como “un elemento transformador da sociedade, que xera e reparte riqueza, impulsa o equilibrio territorial, fomenta a conservación do patrimonio e contribúe a combater o problema demográfico”.

O conselleiro referiuse, así mesmo, á importancia de crear conexións entre a tradición e modernidade, “unha conexión –declarou– que nos permita utilizar as tecnoloxías máis avanzadas para aproveitar mellor os recursos do territorio, do patrimonio, da paisaxe ou da gastronomía”. A través desta vía, cree posible ampliar a oferta, brindar experiencias diversas e singulares e xerar un ecosistema rendible, competitivo e comprometido.

Invitación ao Xacobeo 21

Román Rodríguez fixo tamén unha invitación á participación na preparación do Xacobeo 21 como exemplo dunha identidade de portas abertas representada polo Camiño de Santiago, unha das principais rutas de peregrinación do mundo cuxa vitalidade segue aumentando.
Previamente a este acto coa OMT, o conselleiro presentou no expositor de Galicia en Fitur a celebración ao redor do Ano Santo que xa está en marcha. Xunto á comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, manifestou a relevancia que este evento ten non só para a Comunidade galega, senón como proxecto que debe involucrar ao conxunto do Estado.

Román Rodríguez participou tamén na presentación das distintas iniciativas en materia de accesibilidade que se están a impulsar na peregrinación, neste caso da man da Once, co obxectivo de facer un Camiño cada vez máis integrador e aberto a calquera persoa.