29/Nov/2018

A Xunta aproba o proxecto de decreto polo que se regula a utilización da Marca Xacobeo 2021

  • O manual de imaxe gráfica ten como finalidade ordenar a utilización da marca, xerando así identidade e coherencia na comunicación

O Consello da Xunta deu o visto e prace ao proxecto de decreto polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021, xa que este mércores foi sometido a aprobación do Pleno da Comisión Organizadora do Xacobeo 21. Deste xeito apróbase, no marco da Comunidade galega, o manual de identidade gráfica que establece os principios básicos que se aplicarán a toda a gama de produtos de comunicación da marca Xacobeo 2021 en Galicia. Este documento enmárcase no manual de uso de marca aprobado pola Comisión Executiva do Consejo Jacobeo o pasado 6 de novembro.

O que se busca é ordenar a utilización da marca, xerando así identidade e coherencia na comunicación. Neste sentido, a identidade constrúese ao redor de dous elementos clave: a cuncha da vieira e un logotipo deseñado con letras personalizadas.

Cómpre lembrar que o pasado 18 de xullo, a Comisión Executiva do Consejo Jacobeo aprobou o logotipo oficial do Xacobeo 2021 por proposta do Goberno galego. Este novo logotipo retoma o punto de partida da imaxe anterior, polo que a vieira continúa a ter protagonismo como un elemento iconográfico do Camiño de Santiago. No redeseño realizado para o Xacobeo 2021 modeláronse as nervaduras da vieira para outorgarlles un maior volume e a imaxe simplifícase a unha soa, fronte ás catro do anterior logotipo. Preténdese así facilitar a súa aplicación a contornas dixitais. A vieira está acompañada da palabra ‘Xacobeo 2021’, para o que se creou unha tipografía específica de trazo suave aínda que compacto. Ademais, mantéñense o vermello e gris como cores corporativas.

Para sectores públicos e privados
En virtude disto, o manual de identidade gráfica –que vai dirixido a todos os sectores públicos ou privados, implicados directa ou indirectamente e interesados en comunicar o nome da marca Xacobeo 2021– recolle como debe usarse e adaptarse a marca Xacobeo 2021 para as diferentes casuísticas. Neste sentido, non se considerará válida ningunha manipulación ou interpretación dos elementos propostos nin o uso doutros non definidos no manual.

No caso da utilización da marca pola Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, o decreto recolle que utilizarán como elementos adicionais os símbolos da marca Xacobeo 2021 en todas as súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas ata o 31 de decembro de 2021. Así mesmo, nas súas relacións de colaboración con outras administracións deberán exixir, sempre que o seu obxecto o permita, que se faga constar a marca do Xacobeo 2021.

Pola súa banda, a utilización da dita marca por persoas físicas ou xurídicas, entidades e institucións non integrantes da Administración xeral e do sector público autonómico da Comunidade autónoma requirirá solicitude dirixida á Axencia Turismo de Galicia, que é a competente para outorgar as correspondentes licenzas e autorizacións.

Ademais, as empresas patrocinadoras do Xacobeo 2021 deberán cumprir o manual de uso da marca, xunto coas indicacións do manual de patrocinadores, para poder desfrutar das desgravacións fiscais contempladas na Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

Por outro lado, a Xunta de Galicia fomentará o emprego polas entidades locais galegas da marca do Xacobeo 2021, informándoos sobre a posibilidade de solicitar a oportuna autorización para o seu uso en todas as actuacións, especialmente nas de comunicación pública e promoción.

Desgravacións fiscais
O Consello da Xunta do 15 de novembro aprobou a designación da Axencia Turismo de Galicia como encargada de xestionar o evento e executar a programación, recibir as doazóns das empresas e dos particulares, así como supervisar e ser o órgano responsable de aplicación das doazóns á execución da programación aprobada.

Esta atribución de facultades foi posible porque na reunión do Consejo Jacobeo do pasado 6 de novembro deuse o visto e prace a que cada comunidade autónoma designase unha entidade responsable da execución material dos plans e programas relacionados co Xacobeo 21. Ese mesmo día tamén quedou habilitado o programa de beneficios fiscais para persoas físicas e xurídicas, uns beneficios aplicables porque a Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018 outorga ao Ano Santo Xacobeo 2021 a consideración de acontecemento de excepcional interese público.