27/Apr/2018

A Xunta colabora coas agrupacións de Protección Civil para reforzar a atención aos peregrinos do Camiño de Santiago

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiron hoxe á presentación do Plan de colaboración que se pon en marcha
  • Deste xeito, increméntase a seguridade e garántese unha rápida asistencia en caso de emerxencia
  • O persoal voluntario encargarase de levar a cabo tarefas vinculadas á seguridade dos peregrinos, e de apoio naqueles casos de necesidades sanitarias

Caldas de Reis (Pontevedra), 27 de abril de 2018

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiron esta mañá á presentación do Plan de colaboración entre o Goberno galego e as agrupacións de Protección Civil para reforzar a atención aos peregrinos do Camiño de Santiago, acompañados do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o alcalde de Caldas de Reis José Manuel Rey, así como numerosos rexedores e membros de Protección Civil dos concellos polos que pasa o Camiño.

Alfonso Rueda indicou que o Plan conta cun investimento de 120.000 euros. O ano pasado chegaba a sete concellos no Camiño Francés e este ano se estende a outros 15 concellos situados do Camiño Portugués, que antes só se poñía en marcha nos anos xacobeos.

O Plan contribúe a reforzar a atención a través das agrupacións de voluntarios de Protección Civil, que colaboran na prevención, na seguridade e na axuda aos peregrinos que fan a ruta, xa que estarán patrullando tramos de Camiño nas horas de maior afluencia de camiñantes e dando asistencia cando así fose preciso. Ademais de colaborar na prevención, apoio e cobertura de grandes eventos e concentracións humanas derivadas de actos que teñan que ver coas peregrinacións. Deste xeito, increméntase a seguridade e garántese unha rápida asistencia en caso de emerxencia.

Amais, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo tamén en valor a nova guía do peregrino para situacións de emerxencias, que se editará ao abeiro deste Plan. Esta medida compleméntase co resto de accións incluídas no Plan director do Camiño de Santiago, documento que tamén está a marcar as pautas para a posta a punto de todos os itinerarios coa vista no Xacobeo 2021. Tras ter impulsado xa obras de sinalización e mellora no Camiño Francés, no Camiño do Norte e Primitivo, no Camiño Inglés e no Camiño de Fisterra-Muxía, este ano é a quenda do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa, onde, en conxunto se investirán 2,5 millóns de euros.