19/Apr/2018

Nava Castro reúnese coa escritora Kim Nam Hee, autora do best seller que popularizou o Camiño de Santiago en Corea do Sur

  • A directora de Turismo de Galicia, xunto á comisaria do Xacobeo 2021 e á directora de Promoción, recibiu á autora, que vén de realizar novamente a ruta xacobea
  • Galicia e Corea do Sur asinaron recentemente un memorando de entendemento para colaborar no desenvolvemento da peregrinación
    Este país achegou durante o ano pasado máis de 5.000 peregrinos, o que o sitúa como a décima nacionalidade con máis presenza e a primeira de toda Asia

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse coa escritora coreana Kim Nam Hee, autora de A viaxe dunha muller soa, o best seller sobre a súa experiencia como peregrina que contribuíu a popularizar o Camiño de Santiago neste país asiático, un dos que máis presenza ten na actualidade na ruta xacobea.

Nava Castro participou neste encontro xunto á comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e á directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, que puideron coñecer os proxectos nos que Kim Nam Hee está a traballar nestes momentos, despois de peregrinar novamente a Santiago de Compostela. Amais, interesouse sobre a súas vivencias.

Corea do Sur achegou durante o ano pasado máis de 5.000 peregrinos, o que a sitúa como a décima nacionalidade máis habitual nos itinerarios xacobeos e a primeira de toda Asia.

Turismo de Galicia mantén unha estreita colaboración con Corea do Sur neste eido. De feito, o pasado mes de marzo Nava Castro asinou un memorando de entendemento con Joon Ho Ahn, director xeral da División de Turismo e Deporte do Goberno metropolitano de Seúl.

Con este documento, a Xunta de Galicia e esta rexión coreana recoñecen a importancia da peregrinación. A través deste memorando, ambos gobernos buscarán o mutuo beneficio, facendo esforzos conxuntos de promoción e difusión para favorecer o seu desenvolvemento.

Con este memorando de entendemento, a Comunidade galega dá continuidade a diversos proxectos de colaboración con este país asiático, especialmente intensos nos últimos anos.

World Trails Congress

Este memorando súmase a outros proxectos en materia turística que vinculan a Galicia con Corea do Sur, como a visita o pasado outono de representantes dos itinerarios de Jeju Olle, que percorren a illa volcánica de Jeju. Amais, este ano a Comunidade galega acollerá a celebración do World Trails Congress, un encontro que foi creado precisamente en Corea do Sur en 2010. A súa celebración no mes de setembro servirá para seguir conectando rutas de todo o mundo e promover a súa mellora e protección a través dunha colaboración global.