14/Apr/2018

Representantes de lugares de peregrinación de Europa coñecerán o modelo de xestión sustentable no Camiño de Santiago

  • Unha delegación da rede internacional Green Pilgrimage Interreg Europe visitará Galicia a próxima semana para participar durante tres días nunhas xornadas
  • Estarán presentes responsables de turismo e de diferentes ámbitos académicos e relixiosos de países como Italia, Reino Unido, Suecia, Rumanía ou Noruega
  • Turismo de Galicia amosará aos socios desde proxecto europeo os avances levados a cabo ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2018

Unha delegación de preto de trinta representantes da Green Pilgrimage Interreg Europe, a rede europea de cidades e lugares sagrados de peregrinación que fomenta a sustentabilidade turística, visitará Galicia a vindeira semana para coñecer o modelo de xestión sustentable que se leva a cabo no Camiño de Santiago.

O mércores celebrarase unha xornada de estudo na que profesionais de Turismo de Galicia informará sobre o traballo levado a cabo na Comunidade ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago, no que se inclúen medidas a prol da sustentabilidade social, económica e ambiental ao redor da ruta xacobea.

Tamén se contará coa participación de profesionais do sector turístico así como de membros da Igrexa para afondar na situación actual da iniciativa privada na ruta xacobea, a acollida ou mesmo a importancia do asociacionismo para a promoción e conservación das rutas.

Durante a súa estadía –que se estenderá do mércores ao venres- está previsto que coñezan sobre o terreo o Camiño de Santiago percorrendo algún dos seus tramos en territorio galego. Do mesmo xeito, coñecerán o modelo de xestión levado a cabo polo Xacobeo na Rede Pública de Albergues da Xunta de Galicia, coa visita ao albergue de Ribadiso, en Arzúa.

Proxecto europeo

A delegación da Green Pilgrimage Interreg Europe que visita Galicia está composta por profesionais de turismo e de diferentes ámbitos académicos integrados nesta rede internacional de países como Italia, Reino Unido, Suecia, Romanía ou Noruega. Entre outros, está prevista a presenza de representantes do Centro Nacional de Peregrinación de Noruega, do Instituto Nacional de Investigación de Turismo e Desenvolvemento de Romanía, da Rede Europea de Peregrinación Verde da Diocese de Canterbury.

O Goberno galego amosará aos membros desde proxecto europeo os avances no eido da sustentabilidade levados a cabo en Galicia ao redor do Camiño de Santiago con accións que garanten a excelencia cos servizos ao peregrino e das poboacións locais, así como a implantación de modelos de xestión eficientes para acadar un itinerario en bo estado de mantemento.