10/set/2017

O ciclo ‘Música no Camiño’ chega ao seu fin coa edición máis exitosa tras preto de 30 concertos para galegos e peregrinos

  • A proposta de Turismo de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares na meta do Camiño de Santiago contou desde xuño con 27 actuacións de balde que contribuíron a difundir a cultura xacobea e agasallaron aos viaxeiros
  • A Agrupación Musical do Rosal pecha as sesións hoxe a partir das 20,30 horas

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2017

Música no Camiño, o ciclo promovido por Turismo de Galicia xunto a Federación Galega de Bandas de Música Populares, chega hoxe ao seu fin despois de 27 concertos que desde o pasado mes de xuño tiveron lugar, de balde, na praza de Praterías de Santiago de Compostela nas fins de semana do verán.

Despois da actuación da Banda de Música Xuvenil de Torroso onte, a Agrupación Musical do Rosal pecha, a partir das 20,30 horas, a temporada máis exitosa de Música no Camiño que, como soe ser habitual, encheu o seu aforo co público á espera de cada concerto, que teñen unha duración dunha hora e se desenvolven nunha contorna privilexiada, xunto á Catedral de Santiago, precisamente tras a celebración da tradicional misa do peregrino.

Esta iniciativa contribúe a dinamizar o Camiño de Santiago na época que máis persoas o percorren, de xeito que puideron gozar dela persoas de máis de 150 nacionalidades. Aínda que Música no Camiño está especialmente dirixido aos peregrinos en recoñecemento ao seu esforzo, ábrese ao público en xeral, co que os veciños da capital beneficiáronse tamén.

Despois de varias edicións, Música no Camiño tense consolidado como unha das mellores opcións estivais para promocionar a música da Comunidade. É, ademais, un vehículo de difusión de cultura xacobea, un dos obxectivos plasmados no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, o documento co que se está a mellorar desde hai xa dous anos a ruta.

Máis de 100.000 peregrinos en xullo e agosto

Culmina a edición máis seguida deste ciclo, pois este verán acadáronse os rexistros máis elevados na peregrinación, cun 6% más de Compostelas que en 2016, unha cifra superior a 100.000 peregrinos entre os meses de xullo e agosto. No conxunto do ano, a ruta xacobea está preto dun 9% por riba dos seus mellores datos, con máis de 225.000 peregrinos.