15/May/2017

Nava Castro presenta en Valencia un modelo turístico sustentable ao redor do Camiño de Santiago

  • A directora de Turismo de Galicia impartiu hoxe unha conferencia na Universidade de Valencia con motivo do trixésimo aniversario da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comunidade Valenciana
  • Resaltou a capacidade da Ruta como xeradora de emprego así como o crecemento socioeconómico que aporta nos lugares polos que atravesa
  • Incidiu no crecemento do número de establecementos da rede pública de albergues, que o ano pasado superaron as 324.000 pernoitas

Valencia, 15 de maio de 2017

Con motivo do trixésimo aniversario da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comunidade Valenciana, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, impartiu hoxe unha conferencia na que afondou no modelo de turismo sustentable ao redor do Camiño de Santiago, que se está levando a cabo en Galicia.

Como recordou, este ano, no que se conmemora o Ano Internacional do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento, é unha “oportunidade única” para poñer en valor as iniciativas que promovan a contribución do sector turístico “para construír así un mundo mellor”, dixo.

Neste sentido, e no que se refire ao Camiño de Santiago, indicou que a Xunta ten marcada a súa propia folla de ruta, o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, para xestionalo debidamente, de acordo coas políticas de sustentabilidade, e fomentar así o crecemento económico, a inclusión social e a protección dos bens culturais e naturais.

Nesta liña, lembrou algunhas das medidas recollidas no plan, do que está executado máis do 60% e que contou cunha dotación de 60 millóns de euros. Entre outros, referiuse aos traballos para acadar un Camiño limpo e en bo estado de mantemento, cunha xestión integral de residuos, coa instalación de contedores e papeleiras de recollida selectiva elaborados con materiais harmoniosos co entorno natural.

Referiuse tamén aos traballos para garantir a excelencia nos servizos ao peregrino coa intención de que os albergues da rede pública conten cunha xestión enerxética, hídrica e de residuos eficientes, así como a implantación da Q de calidade e rede WIFI.

Xerador de emprego

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, lembrou que, en Galicia, o Camiño supera os 1.300 quilómetros divididos en 10 rutas que atravesan máis de 100 municipios e fixo un repaso polos diferentes recoñecementos que obtivo a Ruta Xacobea ao longo da súa historia, así como pola súa evolución, tanto na oferta de establecementos, como na chegada de peregrinos, cada vez máis numerosa.

Indicou que, para dar acollida a este fluxo de peregrinos -que medrou dos 114.000 que chegaron en 2007 aos máis de 277.000 que o fixeron o ano pasado-, tamén a rede pública de albergues foi en crecemento, pasando dos 17 albergues no ano 1993, aos 69 establecementos actuais, que ofrecen máis de 3.000 prazas e que o ano pasado superaron as 324.000 pernoitas.

Neste sentido, resaltou tamén o importante papel da Ruta Xacobea como xeradora de emprego e elemento xerador de crecemento socioeconómico. “Sabemos que, do mesmo xeito que é indubidable o valor histórico e cultural do Camiño, tamén o é a súa capacidade de contribuír ao crecemento socioeconómico dos territorios que percorre” engadiu a directora de Turismo. Así, lembrou que son moitos os núcleos rurais que se benefician directa ou indirectamente do seu impacto en canto a aspectos como a fixación de poboación, a creación de novas empresas ou a xeración de postos de traballo.