15/Feb/2017

A Xunta avanza a contratación dos proxectos para mellorar a integración paisaxística dos camiños de Santiago en Compostela

  • A titular de Infraestruturas indica que os obxectivos deste convenio son apuntalar a proxección de Santiago como meta do Camiño, que os peregrinos teñan a acollida que merecen e leven como recordo a mellor imaxe da cidade
  • O conselleiro de Cultura salienta que desde o departamento de Patrimonio realizarase coa máxima axilidade posible a tramitación de todas as autorizacións e permisos necesarios para o desenvolvemento do protocolo
  • Román Rodríguez cualifica como “unha moi boa nova” o desenvolvemento deste acordo, que beneficiará aos peregrinos e repercutirá de xeito positivo en toda a sociedade ao mellorar, nunha contorna con enorme valor cultural, unha manifestación singular do patrimonio do país como son as rutas xacobeas
  • A directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na importancia do coidado das Rutas Xacobeas á súa chegada a cidade de Compostela, o cal, afirmou, “merece un esforzo especial”

A Xunta avanzou hoxe a contratación dos proxectos para mellorar a integración paisaxística dos Camiños de Santiago na súa entrada á cidade de Compostela, cun investimento previsto de 4,2 millóns de euros. Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, tras o acto de sinatura do acordo de colaboración entre o Goberno galego e o Concello de Santiago para o impulso desta actuación, que deberá estar rematada antes da celebración do vindeiro Ano Xacobeo, en 2021.

Canda Ethel Vázquez, asinaron este acordo, esta mañá no Museo das Peregrinacións, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Vázquez Mourelle explicou que no próximo mes de marzo se licitarán os contratos para a redacción dos proxectos construtivos co obxectivo de que este ano, en coordinación co Concello de Santiago, estean todos os proxectos redactados para, a continuación, contratar e iniciar as obras.

A responsable de Infraestruturas subliñou que neste acordo converxe o interese e a vontade dos firmantes para que os Camiños de Santiago á súa entrada na cidade sexan sinónimo de calidade e de excelencia para os peregrinos que se acheguen ata Compostela.

Os obxectivos deste convenio, dixo, son “renovar e apuntalar a proxección de Santiago como meta do Camiño, que os peregrinos teñan a acollida que merecen e que leven como recordo a mellor imaxe da cidade”.

No que se refire á distribución de obrigas, no Executivo autonómico será a Axencia Galega de Infraestruturas quen se encargue da redacción dos documentos técnicos necesarios e da contratación e execución das obras. O Concello de Santiago levará a cabo os trámites administrativos necesarios; poñerá á disposición da Xunta os terreos para a execución das obras; e reporá os servizos urbanos afectados.

No documento, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda asume o compromiso de planificar e levar a cabo as actuacións de mellora e integración paisaxística en puntos estratéxicos dos Camiños á entrada en Compostela. Así, no Camiño Francés, actuarase entre a baixada do Monte do Gozo e San Lázaro; e nas rúas das Fontiñas, Fonte de Concheiros e Concheiros, especialmente na reordenación do cruce coa Avenida de Lugo; no Camiño Portugués, na chegada ao Mosteiro de Conxo e a rotonda sobre a SC-20; e no Camiño Inglés, no tránsito no polígono do Tambre e fronte ao cemiterio de Boisaca. Ademais estudarase a posibilidade de realizar actuacións na Vía da Prata, de modo complementario á actuación prevista polo Concello en Castrón Douro; ou no Camiño Portugués ata a Ponte da Rocha Vella.

Resultado dun estudo iniciado en 2014

Esta actuación é resultado dun traballo iniciado no ano 2014 pola entón Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que realizou unha análise sobre o asunto a través do Instituto de Estudos do Territorio.

A conselleira lembrou que a Xunta traballa día a día para que a cidade sexa máis atractiva e accesible para veciños e turistas, apostando por infraestruturas que afasten os tráficos do centro, como a Variante de Aradas; por unha intermodal que facilite o tránsito e os desprazamentos dos viaxeiros; ou pola construción de sendas peonís e ciclistas no contorno de Compostela que favorezan modos de desprazamento máis respectuosos co medio.

Por outra banda, o conselleiro de Cultura salientou que, entre as medidas de impulso ao Camiño, unha das principais materias pendentes é a entrada dos Camiños de Santiago na propia cidade de Compostela e, conscientes disto, “a Xunta e o Concello poñémonos deberes.” Neste sentido, destacou que desde o departamento de Patrimonio realizarase coa máxima axilidade posible a tramitación de todas as autorizacións e permisos necesarios para o desenvolvemento do protocolo.

Román Rodríguez cualificou como “unha moi boa nova” o desenvolvemento deste acordo, que beneficiará aos peregrinos, ao tempo que repercutirá de xeito positivo en toda a sociedade compostelá e galega ao mellorar, nunha contorna con enorme valor cultural, unha manifestación singular do patrimonio do país como son as rutas xacobeas.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na importancia do coidado das Rutas Xacobeas á súa chegada a cidade de Compostela o cal, afirmou, “merece un esforzo especial”. Neste senso, destacou diversas actuacións postas en marcha dende o departamento que dirixe como o Plan de Actuación do Monte do Gozo que, cun investimento inicial de 1,2 millóns de euros, está a adaptar este parque ás necesidades actuais e convertelo nunha referencia nacional e xacobea. Así mesmo, resaltou a creación do Centro Internacional de Peregrinos ou a rehabilitación do Pazo de Xelmírez na mesma Praza do Obradoiro, entre outras iniciativas.

Nava Castro sinalou que a través deste protocolo avánzase nun das liñas estratéxicas do Plan Director do Camiño de Santiago centrada na coordinación e colaboración entre as actuacións relativas á identificación, protección, xestión, promoción e divulgación do Camiño de Santiago. Neste senso afirmou que no ámbito xacobeo o feito de compartir esforzos e crear sinerxías redunda en beneficio de todos.