7/Oct/2016

O xerente do Xacobeo presenta o relatorio de Paolo Caucci no ciclo de conferencias da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, participou hoxe no ciclo de conferencias da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

Sánchez-Bargiela presentou o relatorio do Paolo G. Caucci “O relato de peregrinación de Gian Lorenzo Buonafade Vanti (1717) e o seu paso por Monforte e a Ribeira Sacra”.

O profesor Caucci é un dos grandes referentes internacionais da cultura xacobea e ten unha extensa traxectoria profesional dirixida a poñer en valor o papel integrador e vertebrador do Camiño de Santiago na creación de Europa.

Entre os numerosos cargos que desempeña no campo da investigación e divulgación xacobea, cabe subliñar que é presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, dende 1992, e fundador e Presidente do Centro Italiano de Estudos Composteláns da Universidade italiana de Perugia, así como Reitor da Confraría de San Jacopo di Compostella.

O ciclo, que ten lugar no Centro do Viño de Monforte de Lemos, celebrará a súa próxima sesión o 21 de outubro co relatorio de Javier Raposo Martínez “O Camiño de Inverno: valoración, patrimonio artístico e retos de futuro”.

Camiño de Inverno
O Camiño de Inverno foi recoñecido oficialmente como nova ruta de peregrinación a Santiago de Compostela coa entrada en vigor da Lei Do Patrimonio Cultural.

Esta Ruta Xacobea é única xa que atravesa as catro provincias galegas, con especial relevancia na comarca de Valdeorras e Deza.

O itinerario comeza en Ponferrada e segue a canle natural que marca o río Sil cun trazado de 210 quilómetros que tras abandonar o Bierzo fai a súa entrada pola comarca de Valdeorras, para despois seguir por Monforte e enlazar coa comarca de Deza, seguindo por A Estrada ata chegar a Compostela percorrendo preto dunha vintena de concellos galegos.