2/Oct/2016

O programa ‘Hospitaleiros no Camiño’ conclúe tras recibir un total de 14 voluntarios

O programa “Hospitaleiros no Camiño” finalizou esta semana no albergue coruñés de Ribadiso en Arzúa, despois de recibir neste verán a un total de 14 voluntarios encargados de acoller con hospitalidade aos peregrinos.

A iniciativa, impulsada polo Xacobeo e pola American Pilgrims of the Camino, a asociación estadounidense de amigos do Camiño, celebrou neste ano a súa segunda edición, que acadou o mesmo éxito que na pasada tempada. O obxectivo é mellorar a acollida aos peregrinos que percorren as diversas rutas de peregrinación en Galicia, colaborando neste labor tan singular da peregrinación xacobea.

A través do programa, os voluntarios prestaron a súa colaboración aos albergueiros incrementando, así, a hospitalidade aos peregrinos que se aloxaron durante o período estival en Ribadiso, un punto emblemático do Camiño Francés. Deste xeito, os hospitaleiros puideron relacionarse cos peregrinos que chegaron ao dito albergue para compartir vivencias e inquedanzas mellorando a acollida, a calidade da experiencia xacobea e fortalecendo a dimensión multinacional do Camiño.

O obxectivo último é lograr que os peregrinos, especialmente os foráneos, se sintan máis acollidos na Rede Pública de albergues de Galicia, conformada na actualidade por 70 establecementos con mais de 3.000 prazas de aloxamento.

Peregrinos estranxeiros
A tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son mais numerosos que os nacionais. No pasado ano os peregrinos estranxeiros supuxeron o 53,38% do total contabilizándose 178 países de orixe distintos.

Neste 2016, estase a consolidar este crecemento, e no que vai de ano máis de 127.000 peregrinos estranxeiros selaron a súa Compostela.