29/Sep/2016

O presidente da Xunta en funcións anuncia a humanización da entrada en Compostela dos Camiños de Santiago para avanzar na excelencia turística de Santiago de cara ao próximo Ano Santo

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe tras a reunión do Consello da Xunta a humanización da entrada en Compostela dos Camiños de Santiago para avanzar na excelencia turística da capital de Galicia de cara ao próximo Ano Santo. Neste senso, apuntou que o obxectivo é que o Xacobeo de 2021 tamén sexa histórico e lembrou que o Executivo autonómico está a aproveitar este período de once anos para darlle un novo impulso ao Camiño.

Feijóo avanzou esta mañá as propostas de actuación para a integración paisaxística dos Camiños na capital galega; unha materia pendente, segundo incidiu, destacando, a modo de exemplo, que no Camiño Francés os peregrinos se senten desorientados ao pasar pola ponte San Lázaro e ao chegar ao cruce entre a avenida de Lugo e Os Concheiros.

O titular do Goberno autonómico en funcións explicou que este estudo parte dun traballo de campo ao longo dos Camiños Francés, Portugués, Inglés, a Vía da Prata e o de Fisterra, e de varias análises previas.

Nesta liña, precisou que a análise do medio natural parte de dous documentos: o Estudo de sostibilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico do PXOM de Santiago e o Estudo dunha estratexia verde para Santiago de Compostela do Consorcio, con especial atención ao feísmo. E para analizar a planificación urbanística estúdase o PXOM de 2008.

Así mesmo, estúdanse os criterios patrimoniais e etnográficos a partir da Lei de protección do Camiño de Santiago e das súas declaracións como BIC e Patrimonio da Humanidade, así como aspectos socioeconómicos coma o risco de masificación do Camiño de Santiago.

As actuacións que se propoñen
O responsable do Executivo autonómico precisou que como consecuencia destas análises, identificáronse tres zonas para as que se fan propostas concretas. Máis polo miúdo, subliñou que no Camiño Inglés, na entrada ao Polígono do Tambre, proponse crear unha senda de peregrinación desde o comezo do polígono ata a rúa das Mulas, deseñada para que non interrompa os usos do polígono.

No Camiño Francés, entre o tramo final da rúa do Gozo e San Lázaro proponse a substitución da escaleira de pedra que existe por unha pasarela. E na entrada á rúa dos Concheiros, propóñense alternativas para dous problemas: para anular o impacto negativo das fachadas traseiras da rúa do Home Santo proponse plantar árbores e mellorar as fachadas; e, para aliviar o intenso tráfico que existe na intersección entre a avenida de Lugo, Concheiros e Rodríguez de Viguri, proponse a habilitación de novos espazos de aparcadoiro .

Cómpre salientar que estas tres actuacións xa lle foron encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas. E, coa perspectiva de que todo estea rematado en 2019, prevese un desenvolvemento en tres etapas: a primeira, entre setembro e decembro deste ano, contempla a realización dun Estudo para a mellora da permeabilidade da avenida de Lugo na contorna do Camiño de Santiago, xa que esta zona é a de maior complexidade técnica. Na segunda, que se desenvolverá ao longo de 2017, redactaranse os proxectos de execución das tres zonas prioritarias. E, na última, que se vai desenvolver entre 2018 e 2019, levarase a cabo a execución das tres actuacións propostas e a súa posible extensión a outros puntos do camiño.

Feijóo concluíu agradecendo o traballo do autor do informe aprobado hoxe, Xerardo Estévez, arquitecto urbanista e tamén ao Instituto de Estudos do Territorio, que dirixiu a súa elaboración.