27/Sep/2016

O xerente do xacobeo asiste á inauguración do “Porto Welcome Center” en Portugal

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, asistiu esta tarde á inauguración da Tenda Interactiva de Turismo “Porto Welcome Center” en Portugal.

O acto tivo lugar no marco do Día Mundial do Turismo que neste ano celébrase baixo o lema “Turismo para Todos” co obxectivo de promover a accesibilidade universal.

Estas Tendas Interactivas de Turismo, así como outros mecanismos dixitais de promoción, constitúen unhas das iniciativas conxuntas que estanse a explotar dende Turismo de Galicia e o Turismo do Porto e Norte de Portugal (TPNP) no marco do memorando de colaboración asinado polas rexións co obxectivo de favorecer un mellor coñecemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e valorizar a súa riqueza e diversidade turística alén das súas fronteiras.

Con esta colaboración, as entidades están a levar a cabo un intercambio de información sobre os respectivos planos estratéxicos e de marketing de cada territorio con vistas a definir áreas de traballo comúns.

Así mesmo, grazas ao memorando, Turismo de Galicia e o TPNP colaboran na definición e xestión dos Camiños de Santiago no territorio portugués, co fin de asegurar unha identidade única en cuestións como a sinalización, a comunicación ou a política de albergues.

Por outra parte, estanse a impulsar as áreas da saúde ou benestar, o termalismo, o turismo da natureza, as rutas eno-gastronómicas, a gastronomía e viños, o touring cultural, paisaxístico e dos patrimonios, o turismo relixioso, os trens turísticos ou actividades relacionadas co río Miño.

Outra das liñas de actuación que inclúe este convenio de colaboración é a preparación de candidaturas conxuntas ás distintas convocatorias de fondos europeos, en especial á dos fondos de cooperación transfronteiriza.

Camiño Portugués
O Camiño Portugués é o produto estrela que reforza esta unión de Galicia e o Norte de Portugal ao constituír un trazado que transcorre entre os dous territorios ata a súa culminación en Santiago de Compostela.

No que vai deste ano chegaron a Compostela máis de 44 mil peregrinos pola vertente portuguesa do Camiño, sendo a segunda ruta máis transitada. Así mesmo, Portugal é o principal mercado internacional de Galicia.