6/set/2016

O presidente de Médicos sin Fronteras en España protagoniza a terceira sesión do ciclo Conferencias con Solidaridade

O ciclo “CONferencias con SOLIDARIEDADE” ofrece mañá, mércores 7 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela, a conferencia "Seguir con vida" a cargo do presidente de Médicos Sin Fronteras en España, José Antonio Bastos.

O ciclo, enmarcado na programación especial de actividades impulsada por Turismo de Galicia con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, está protagonizado por persoeiros que destacan polo seu compromiso coa sociedade. Deste xeito, constitúe unha oportunidade de escoitar de primeira man os relatos de persoas que traballan día a día a prol dos outros en campos como a medicina, a educación, a loita contra a pobreza, a cooperación para o desenvolvemento, os refuxiados, achegándose, así, aos máis desfavorecidos.

O programa, de acceso libre, inaugurouse no mes de xuño cunha mesa redonda baixo o título de “Todos contan” conducida pola presentadora Silvia Jato, embaixadora de Axuda en Acción. O acto contou coa intervención de Lorena Seijo, xefa de prensa en Galicia de Asemblea de Cooperación pola Paz; Anuncio Mouriño, director de Cáritas Diocesana de Santiago; Pablo Rodríguez, coordinador territorial en Galicia da Fundación Entreculturas; e Miño Guerreiro, presidente de Enxeñería sen Fronteiras.

A segunda conferencia “Mediterráneo, a última fronteira”, que tivo lugar o pasado 13 de xullo, contou coa participación de tres integrantes da ONG PROEM-AID, composta por bombeiros e patróns de embarcación para rescatar botes en problemas.

A próxima cita é o 5 de outubro, cando se celebrará outra conferencia a cargo do coordinador xeral de Cruz Roja Española, Antoni Bruel.

Presidente de Médicos Sin Fronteras España
José Antonio Bastos é presidente de Médicos Sen Fronteiras España desde o ano 2000. É médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, con Diploma en Enfermidades Tropicais e Mestría en Saúde Pública.

A súa primeira misión na organización foi no 1991, atendendo a refuxiados do norte de Iraq trala primeira Guerra do Golfo. Desde entón, con Médicos Sin Fronteras, participou en misións contra epidemias, fames negras e guerras en países como Somalia, Bolivia, Angola ou Ruanda.

Como responsable da unidade de emerxencias (1995-97) e director de operacións de Médicos Sin Fronteras España (1997-98) e Holanda (2000-2004), tamén traballou en Nixeria, Balcáns, Somalia, Etiopía e Chechenia.

Tras unha pausa de 2 anos de traballo clínico en Australia, regresou ao traballo humanitario co Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) en Paquistán, Iraq e Afganistán, entre o 2006 e o 2010.

Médicos Sin Fronteras
Médicos Sin Fronteras é unha organización médico-humanitaria internacional nacida no 1971 que asiste a poboacións en situación precaria e a vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana e de conflitos armados, sen ningunha discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política.

A súa presenza independente e imparcial nas crises permítelle dar unha asistencia inmediata ás persoas máis necesitadas. A acción médica é a súa prioridade, porén, tamén opta polo testemuño como medio para provocaren trocos a prol das poboacións ás que asiste.