20/xul/2016

Nava Castro avoga pola xestión coordinada do Camiño de Santiago por parte de todas as rexións que atravesa

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que o Camiño de Santiago ten unha dimensión internacional e que se debe abordar dende unha perspectiva conxunta ao longo do seu percorrido, dotándoo de políticas públicas coordinadas e unitarias por parte das diferentes rexións que atravesa.

A directora fixo estas declaracións durante un coloquio celebrado en Burgos, Macrorrexión RESOE. A unión como estratexia de forza. A Macrorrexión do Sudoeste de Europa (RESOE) está conformada por Galicia, Castela e León, Asturias, o Norte de Portugal e o Centro de Portugal para promover turísticamente estes territorios de forma conxunta.

Nava Castro puxo de manifesto a idoneidade de abordar a ruta xacobea dende unha perspectiva global e avanzar na xestión unitaria desta como, por exemplo, na unificación da sinalización oficial, o cal xa se conseguiu no territorio galego grazas á aprobación dunha nova orde, na regulamentación da publicidade privada ou non oficial e na normativa reguladora de albergues. Ao respecto, a directora subliñou que “o Camiño é a suma de moitos lugares, cada un non menos importante que a meta”.

Así mesmo, a directora salientou a oportunidade que supón para as rexións que atravesa a ruta xacobea a posibilidade de realizar unha promoción turística conxunta dela a nivel internacional. Nesta liña, fixo especial fincapé na incidencia en novos países emisores de peregrinos como son Estados Unidos, Brasil ou o sueste asiático.

Neste marco, a directora tamén avogou polo establecemento de rutas e itinerarios culturais e turísticos conxuntos como o Camiño Torres, entre Salamanca e Santiago, unha ruta sobre arte románica ou unha ruta de viños, co fin de impulsar unha oferta común dun punto a outro do Camiño.

Nava Castro indicou que todas as actuacións que se desenvolvan de forma coordinada permitirán mellorar o servizo ao cada vez maior número de peregrinos que recibe o Camiño, 262.500 en 2015, cifra que este ano será maior de seguir co incremento do 8% que xa se rexistrou no que vai de ano con respecto ao mesmo período de 2015. Por iso, a directora animou a traballar de forma unitaria para impulsar este elemento captador de turismo internacional que, ademais, redunda en beneficio das economías locais dos territorios polos que discorre.

Dimensión internacional e europea
A directora explicou que o Camiño é a columna vertebral de Europa, e ao redor del foise creando unha rede de asistencia ao peregrino, uns pobos e a cultura europea que hoxe existe. Mostra deste carácter internacional son os numerosos recoñecementos que ostenta, como ser o Primeiro Itinerario Cultural Europeo declarado polo Consello de Europa en 1987 ou ser Embaixador Honorario da Marca España dende 2015 por terse convertido nunha icona do país a nivel mundial.

A súa importancia a nivel cultural e que traspasa fronteiras tamén queda exposta na declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO tanto nos Camiños do Norte Peninsular, dende 2015, como no Camiño Francés dende 1993.

Plan Director do Camiño e novas tecnoloxías
A directora aproveitou a ocasión para expoñer que Galicia ten elaborado un Plan Director do Camiño que actuará de folla de ruta deste ata 2021, abordándoo de maneira transversal e estendendo o seu alcance a todas as accións de Goberno para favorecer a súa conservación e protección no ámbito territorial de Galicia.

Nava Castro tamén enxalzou a aposta que dende Turismo de Galicia se está facendo por aplicar as novas tecnoloxías ao ámbito da ruta xacobea. Neste sentido, explicou que este ano se puxo en marcha o proxecto Smart Camiño. Con esta iniciativa canalízanse datos e avisos relativos ao Camiño que poden ser de grande utilidade para o peregrino, como información meteorolóxica, eventos, ofertas comerciais, alertas e aplicacións de mobilidade e navegación por mapa que lles permiten acceder a contornos de visualización avanzada do territorio en 2D e 3D sobre os que se despregan servizos interactivos.