29/Jun/2016

Nava Castro asiste á proxección da película "Footprints, el Camino de tu vida" sobre a ruta xacobea

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director do Xacobeo, Rafael Sánchez, asistiron esta tarde á proxección da película "Footprints, el Camino de tu vida", que narra experiencias vinculadas á ruta xacobea.

É unha longametraxe documental de aventuras que recolle en 89 minutos a historia real e ao tempo que se produce de once homes moi diferentes que se coñecen días antes de iniciar o Camiño de Santiago, en resposta a un anuncio publicado por un relixioso a través do cal se buscaban persoas dispostas a camiñar 1.000 quilómetros en 40 días.

Os participantes viaxaron a España dende Arizona e, unha vez aquí, percorreron a Ruta do Norte para chegar a Compostela. O filme recolle como esta experiencia consegue unir a un grupo de persoas que, a priori, non tiñan nada en común.

O organizador do evento foi quen contactou coa produtora Infinito+1, que aceptou o reto de gravar a peregrinación e levala á gran pantalla, baixo a dirección de Juan Manuel Cotelo, só tres semanas antes de iniciar a ruta. Parte da recadación que se consiga con esta película irá destinada a axudar a persoas con discapacidade a través da Fundación Infinito.

O filme dará a coñecer, deste xeito, tanto o Camiño de Santiago e os seus valores como a nosa comunidade como destino a nivel internacional.

A película constituirá, así, un gran reclamo e converterase nun importante elemento captador de turismo internacional como o foi no seu día a película "The Way" ou o best seller de Paulo Coelho "El Peregrino".

O Camiño do Norte foi declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO en 2015, ano no que recibiu 15.828 dos 262.516 peregrinos que chegaron a Galicia, o que supón un 6,03%, o que o converte no terceiro itinerario máis frecuentado, despois do Camiño Francés e do Portugués.