4/xuñ/2016

Turismo de Galicia e a Federación Galega de Bandas Populares poñen en marcha unha nova edición de ‘Música no Camiño’

A Banda de Música da Unión Veciñal Cultural e Deportiva de Candeán deulle comezo hoxe a unha nova edición do ciclo de concertos “Musica no Camiño”, organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares. Celebraranse un total de 24 actuacións durante as fins de semana e festivos dos meses de xuño, xullo e agosto.

O lugar de celebración será a Praza das Praterías de Santiago de Compostela, a partir das 20:30 horas, unha vez rematada a Misa do Peregrino. Os días que o tempo impida o seu desenvolvemento ao aire libre, a actividade terá lugar na Hospedaxe de San Martiño Pinario.

Os concertos terán unha duración aproximada de sesenta minutos e maioritariamente interpretaranse obras de autoría ou temática galega para contribuír a difundir a nosa cultura e a promocionar as bandas de música populares de Galicia entre os peregrinos que acadan a etapa final do Camiño.

Deste xeito, os camiñantes tamén poden deleitarse con estes concertos sen ter que realizar ningunha reserva previa e sen ningún tipo de custo. Trátase así dun xesto para gratificar o esforzo e o sacrificio realizado durante a ruta xacobea.