3/Jun/2016

O xerente do Xacobeo participa en Portugal na Asemblea Xeral da Federación Europea do Camiño de Santiago

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou hoxe nos actos da Asemblea Xeral da Federación Europea do Camiño de Santiago, celebrada en Vila Pouca de Aguiar (Portugal), para explicar a labor desempeñada pola súa entidade no impulso da Ruta Xacobea e na xestión integral do itinerario na Comunidade galega.

A Federación Europea do Camiño de Santiago actúa como órgano xestor do mesmo, como primeiro Itinerario Cultural Europeo, diante do Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa. Está integrada pola Xunta de Galicia, a Communauté d’Agglomeration du Le-Puy-en-Velay en Francia, a provincia de Namur en Bélxica e os municipios de Asís (Italia) e Vilapouca de Aguiar (Portugal).

No decurso desta asemblea abordouse a posible ampliación da Federación coa integración de Alemaña, Lituania e Polonia como novos socios, asunto que xa se tratara nunha reunión anterior co director do Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, Stefano Dominioni.

Así mesmo, estudouse a planificación de novas actividades relacionadas coa celebración, en 2017, do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo. Ademais, tratouse a posibilidade de establecer unha colaboración co Comité Internacional de Expertos do Camiño.

No encontro tamén se expuxeron os reportes de actividade e de tipo financeiro da entidade e a súa estratexia de actuación ata 2018, así como as accións innovadoras nas que se está traballando como a promoción do Camiño a través da realidade aumentada.

Dimensión transnacional da Ruta Xacobea
A Federación Europea dos Camiños de Santiago foi creada en 2011 co obxectivo de dar unha dimensión transnacional á Ruta Xacobea e traballar na consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Entre as accións que desenvolve a Federación destaca a promoción da marca Camiño de Santiago a través do desenvolvemento da web SaintJamesWay.eu, a participación no foro anual do Instituto de Itinerarios Culturais Europeos e as labores de cooperación co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, con universidades de diferentes países e coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.